Aberto o prazo para participar na 3ª edición do Coworking de Santiago para proxectos emprendedores

Especialmente pensado para impulsar a industria cultural e tecnolóxica, a Xunta de Galicia (a través do IGAPE) promove xunto coa Escola de Organización Industrial (EOI) esta edición de Coworking, cuxo prazo de solicitude finaliza o próximo 10 de febreiro.

Esta nova edición, que conta novamente co financiamento do Fondo Social Europeo, súmase tamén ás edicións de coworking de Cabana de Bergantiños, Ferrol, Monforte, Mondoñedo e Celanova.

As iniciativas seleccionadas contarán cun servizo de asesoramento e titoría personalizada no espazo habilitado na Cidade da Cultura, durante un prazo estimado de 5 meses, cun máximo de 22 proxectos por cada sede e convocatoria.

Con esta nova iniciativa búscase acelerar novos proxectos emprendedores que se sumen aos máis de 40 que se desenvolveron ao amparo das dúas edicións anteriores, aumentando as súas probabilidades de éxito e facilitando a súa posta en marcha, á vez que se promove a súa consolidación mediante servizos de alto valor engadido no ámbito da formación, asesoramento e de instrumentos de apoio.

Esta iniciativa súmase así ás axudas directas habilitadas a través dos programas de Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende (esta última porase en marcha en breve), podendo acceder a novos préstamos directos habilitados polo IGAPE a través da nova liña IFI Emprende.

Accede aquí para máis información e para acceder á solicitude de inscrición.