A Xunta impulsa con 3,6 millóns de euros as exportacións de pemes e persoas autónomas co Plan Foexga

En colaboración coas Cámaras de comercio galegas, o Plan Foexga apoiará misións comerciais directas así como a participación en feiras internacionais e en eventos promocionais.

Do Plan poderán beneficiarse as pemes galegas e os autónomos que buscan comezar ou reforzar a súa internacionalización podéndose acoller, durante 2019 e 2020, a unhas 160 accións en máis de 50 países. Este plan complementa os servizos de apoio que se achegan a través do Igape, como o programa Galicia Exporta, e que forman parte das accións impulsadas no marco da Estratexia de internacionalización da empresa galega.

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a nova convocatoria do plan de Fomento das exportacións galegas (Foexga), coordinado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape, que destinará 3,6 millóns de euros a impulsar as exportacións de ao redor de 600 pemes e persoas autónomas galegas nos anos 2019 e 2020, o que supón un incremento no orzamento con respecto á anterior convocatoria que permitirá duplicar o número de empresas beneficiarias, así como ampliar o calendario de actuacións en 10 meses.

A través desta iniciativa, as pemes e as persoas autónomas poderán acollerse a unhas 160 accións de internacionalización, entre as que se inclúen misións comerciais directas así como a participación en feiras internacionais e en eventos promocionais como congresos, conferencias ou simposios. A Consellería de Economía, Emprego e Industria cobre, a través do Igape e contando co cofinanciamiento do fondo Feder, o 90% dos custos.

O Foexga, que se desenvolve en colaboración coas Cámaras de comercio galegas, encargadas de organizar e coordinar as accións, ten entre os mercados prioritarios para esta convocatoria Alemaña, China, Portugal, Brasil. Colombia, Cuba, Emiratos, Estados Unidos, Marrocos, México, Perú, Reino Unido, Canadá, Chile, Francia, India, Israel, Italia, Rusia, Xapón, países de África Subsahariana e países de mercados multilaterais, así como outros países para os que se justifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.

A través da convocatoria do Foexga -que se acaba de publicar- e das do Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que se abrirán proximamente, a Xunta vai investir 11,6 millóns de euros, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións. Este tres iniciativas forman parte das accións que se desenvolven a través do Igape para avanzar na proxección exterior do tecido empresarial galego mediante o desenvolvemento da Estratexia de internacionalización da empresa galega, que ten como obxectivo manter o bo ritmo exportador da Comunidade.

Despois da marca histórica do 2017, cunhas exportacións que superaron os 21.000 millóns de euros, no nove primeiros meses deste ano 2018 as vendas ao exterior aumentaron por encima do 7,6% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Esta tendencia positiva das exportacións permite a Galicia ter un importante peso no conxunto do Estado, xa que as vendas ao exterior galegas suman un 8,1% do total nacional.