A Xunta adapta o procedemento de solicitude dos ERTE á nova regulación laboral do mecanismo RED

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde pola que se adapta o procedemento de solicitude das regulacións temporais de emprego á nova normativa laboral que prevé o denominado mecanismo RED.

A Xunta facilita deste modo un novo modelo de solicitude e adapta o actual procedemento ao previsto no Real decreto-lei 32/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

O novo Mecanismo RED, previa activación por parte do Consello de Ministros, permite ás empresas solicitar medidas de redución de xornada e suspensión de contratos de traballo en dúas modalidades: cíclica, cando a conxuntura macroeconómica xeral o aconselle; e sectorial, cando as circunstancias afecten a unha determinada actividade. Estas solicitudes deben realizarse ante a autoridade laboral das diferentes comunidades, de aí que sexa preciso adaptar os actuais procedementos de tramitación para que recollan as novas particularidades.

A Xunta regula, coa orde publicada, o procedemento e o modelo normalizado para que as empresas e as persoas traballadoras autónomas con persoal contratado, soliciten reducións de xornada ou suspensión de contratos no marco do mecanismo RED.

As solicitudes deberán presentarse, en todo caso, por medios electrónicos a través da Sede Electrónica da Xunta (procedemento TR 820I), e empregando calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos na mesma.

Entre outra documentación, xunto coa solicitude, deberase achegar copia da comunicación feita pola empresa ás persoas traballadoras ou aos seus representantes de intención de iniciar o mecanismo RED; réplica da comunicación do inicio do período de consultas e un informe que acredite a situación temporal, cíclica ou sectorial, que concorre na empresa para activar estas medidas.

Ademais as firmas deberán acompañar a petición coa previsión de calendario para activar as medidas e da identificación das persoas afectadas acompañada da porcentaxe máxima de redución de xornada ou, de ser o caso, do número máximo de días nos que o contrato de cada unha delas se verá suspendido.

No caso da modalidade de ERTE sectorial, as empresas deben incorporar un plan de recualificación das persoas afectadas.


Publicación DOG