A Xunta publica hoxe no DOG as novas axudas para facilitar a instalación e mellora de terrazas e as vendas a domicilio na hostalería

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou, durante a súa participación nun webinario organizado por AJE Galicia, que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova liña de axudas por 3 millóns de euros dirixida aos sectores da hostalería e a restauración para que poidan adecuar os seus espazos exteriores e adquirir elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local.

En concreto, os apoios directos cubrirán o 80% do investimento a persoas traballadoras autónomas e pemes de menos de 50 persoas traballadoras, desde un mínimo de 1.500 euros de investimento ata un máximo de 25.000, sendo polo tanto a axuda mínima de 1.200 euros e máxima de 20.000. Ademais, inclúen a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos gastos realizados.

No encontro celebrado esta mañá, centrado nas diferentes liñas de axudas da Xunta e que contou tamén coa participación da directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, da Consellería de Emprego e Igualdade, o vicepresidente económico fixo fincapé en que unha das maiores prioridades da Administración autonómica é apoiar os sectores máis afectados polo impacto da pandemia. Neste ámbito, está en marcha o Plan de rescate para persoas autónomas, hostalería e micropemes, dotado con 84 millóns de euros, que se complementa tanto coas axudas que hoxe se publican no DOG como coa nova liña por 10 millóns de euros a través da cal se concederán préstamos con xuros baixos e próximos ao 0%. Estes créditos poderanse amortizar en sete anos, con tres de carencia, e están pensados especialmente para sectores como a hostalería, o ocio nocturno, o comercio estacional, as feiras ou a economía social.

Conde apuntou que todos estes apoios son compatibles entre si e froito do esforzo conxunto de distintos departamentos do Goberno galego, unha liña de cooperación á que se agarda que se sume o Goberno central o máis pronto posible cun plan nacional.

O vicepresidente económico remarcou así mesmo o traballo en estreita colaboración que levan a cabo a Administración autonómica e AJE Galicia para apoiar as persoas emprendedoras e tamén para identificar onde poden estas atoparse con maiores obstáculos e atopar así solucións, acompañando aos emprendedores e ao conxunto do tecido empresarial.

Máis información