A Xunta apoiará en 2023 con Impacto Autónomo a 25.000 persoas traballadoras autónomas con axudas medias de 1.200 euros

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor en Ourense, na entrega dos XI Premios da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta xa está a impulsar en Galicia proxectos innovadores e xeradores de emprego de calidade. Lembrou que esta Rede, precisamente, botou a andar na provincia ourensá co polo ubicado en Verín, e, na actualidade, está conformada tamén polos polos de Pontevedra Norte e Rías Baixas (en Silleda), o da Costa da Morte (en Coristanco) e o de Lugo Sur (en Monforte), que se inaugurou onte mesmo. E en breve, -apuntou- está prevista a apertura do polo do Arco Ártabro (en Ferrol).

Trátase, en palabras de Lorenzana, dun proxecto que a día de hoxe está a ofrecer asesoramento personalizado a preto de 90 persoas; axuda a desenvolver 69 proxectos empresariais; e leva realizadas 286 sesións de titorización con emprendedoras e emprendedores.

A iniciativa forma parte da Dirección Xeral específica de Emprendemento e Apoio ao Emprego creada para impulsar esta rede, unha área que conta para 2023 cun orzamento de 18,2 millóns de euros para “apuntalar” a Rede que sumará en total 12 oficinas de asesoramento distribuídas por toda a xeografía galega.

A conselleira explicou que con estes espazos, como o emprazado en Verín, a Xunta pretende casar a xestión da procura do emprego coa realidade social e xeográfica; dinamizar o mercado de traballo, procurando a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos; fixar poboación e rachar coas barreiras que separan persoas empresarias e traballadoras.

Na súa intervención no acto, no que Lorenzana estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, tamén destacou o novo programa da Xunta Impacto autónomo, que se activará o próximo ano, e co que se apoiará este sector do traballo por conta propia, con achegas directas medias de 1.200 euros para compensar os negocios afectados pola actual conxuntura. Con estes apoios, prevese axudar a unhas 25.000 persoas traballadoras autónomas a facer fronte e minimizar o impacto que a suba de custos enerxéticos e das materias primas está a ter na súa actividade.

Lorenzana indicou que a aposta polo emprendemento, así como a modernización do Servizo de Emprego de Galicia, como o impulso da formación para o emprego das galegas e galegos, a través da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, forma parte de Xempre Contigo, a nova estratexia autonómica en materia de emprego. É unha planificación global que, segundo a titular de Promoción do Emprego, permitirá seguir avanzando na senda do crecemento e na creación de emprego de calidade, a través dun mercado laboral “máis interconectado, formado e dinámico, baseado na colaboración público-privada e na mellora das capacidades das persoas traballadoras”.

A conselleira, para rematar, agradeceu o labor das asociacións que traballan a favor do crecemento económico de Galicia, como é o caso de Aje Ourense, destacando que os premios que hoxe se entregaron se asentan sobre dous alicerces fundamentais: o emprendemento e a creación de emprego.

Tras felicitar aos galardoados, sinalou que a Xunta “sempre” apoiará a aquelas persoas emprendedoras que traballan pola mellora da empregabilidade e a xeración dun emprego de calidade en Galicia.