As axudas para facilitar a conciliación das persoas traballadoras autónomas poden solicitarse desde mañá e ata o vindeiro 29 de setembro

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas coas que o Goberno galego apoia a conciliación das persoas traballadoras autónomas. Invístese a este fin un total dun millón de euros para conceder apoios para que as persoas autónomas poidan contratar substitutas no período de baixa por maternidade ou paternidade; e para o coidado de menores, maiores e/ou persoas depedentes. Financiánse tamén, ademais das contratacións de persoas, os servizos de coidados de menores, maiores e/ou persoas dependentes.

As axudas, que se poden solicitar desde ata o próximo 29 de setembro, outorgaranse para as contratacións iniciadas entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023, por un período mínimo de seis meses e máximo dun ano.

O programa autonómico inclúe ata tres tipos de bonos, acumulables entre sí. Co bono Concilia I apóianse as contratacións que sexan realizadas por unha persoa traballadora autónoma, unha vez rematada a súa baixa por maternidade ou paternidade e tiveran ou teñan lugar entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023. Financiaranse, en concreto, as contratacións que se realicen a persoas desempregadas ou coa mesma persoa que se teña ou tivera un contrato de interinidade por maternidade ou paternidade por unha duración mínima de seis meses.

O bono Concilia II axuda ao colectivo das persoas autónomas á contratación de persoas durante un período de entre seis meses e un ano para o coidado de menores, maiores e/ou dependentes. Financiaranse as contratacións que se inicien ou inciaran entre o 1 de outubro e o 29 de setembro de 2023.

A contía destes dous apoios poden alcanzar os 12.000 euros, xa que se conceden axudas de 6.000 euros por cada bono.

Pola súa banda, o bono Concilia III permite apoiar os servizos de coidados de menores, maiores e/ou depententes, que se realizaran o realicen entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023. Neste caso, finánciase o 75% do custe do servizo, ata un máximo de 3.000 euros.

O colectivo de persoas autónomas, xunto coas pequenas empresas, conforma o 97% do tecido produtivo galego. Trátase de proxectos empresariais que sosteñen maioritariamente a economía das familias galegas, polo que é un colectivo prioritario para a Xunta de Galicia. Con estes apoios, a Consellería de Promoción do Emprego e Iguadalde segue apostando pola conciliación e corresponsabilidade das persoas traballadoras de Galicia, no caso das autónomas, para facilitar a continuidade e consolidación dos seus proxectos empresariais.

As axudas forman parte da nova Estratexia para o emprego da Xunta de Galicia, Xempre Contigo, para xerar en Galicia máis emprego de calidade e apoiar o emprendemento en todas as súas fases; e da nova Axenda de impulso ao emprego autónomo 2023-2026.