Avanzar e consolidar

Unha vez superada a complicada primeira etapa de posta en marcha da actividade, para avanzar no tempo é necesario actualizarse de xeito constante en paralelo coa evolución do sector, adaptando as técnicas, os procesos, os coñecementos, as competencias e os elementos diferenciais do catálogo de servizos e, no mellor dos casos, medrar contratando a persoal que che permita atender a toda a túa demanda.

Neste momento tamén queremos estar ao teu lado desde a Oficina Virtual, para asentar esta consolidación e continuar demostrando que o emprego autónomo en Galicia ten as mellores condicións para manterse no tempo con éxito.

Asesoramento e apoio

Cando dedicas o teu día a día a sacar adiante o teu negocio co obxectivo da súa consolidación, é difícil atopar o tempo e os recursos que se requiren para estar ao día das novidades na túa actividade, as tendenzas do sector ou as novas demandas da clientela.

Por este motivo, desde a Oficina Virtual do Emprego Autónomo queremos achegarche estudos de mercado e información sobre tendenzas que pensamos poden ser de interese para ti á hora de orientar a túa actividade.

En paralelo, tamén poñemos á túa disposición manuais e publicacións relativas a boas prácticas de xestión en todos os ámbitos da túa actividade, desde a seguridade e saúde no desempeño da mesma ata a eficiencia enerxética, pasando pola xestión comercial ou a responsabilidade social.

E para contidos máis especializados de asesoramento poñemos á túa disposición a nosa rede de persoal técnico, que poderá atenderche tanto presencialmente como en liña a través da zona privada da oficina virtual. Accede á rede de persoal técnico para ver onde atopar o máis próximo.

Axudas para avanzar e consolidar o negocio

O avance e a evolución da actividade pode requirir de importantes desembolsos: desde investimentos para adquirir inmobilizado ata a necesidade de contratar persoal para atender de forma axeitada a carga de traballo.

Para apoiarche nesta etapa, a Xunta de Galicia e outras administracións poñen á túa disposición múltiples axudas e, para facilitar que poidas localizar as do teu interese.

Accede a todas as axudas en vigor para avanzar e consolidar o teu negocio

Dende a oficina do autónomo facilitamos a túa busca de apoios

Se tes dúbidas en relación aos requisitos de acceso a estas axudas, contacta coa rede de persoal técnico de apoio ao emprego autónomo.

Actualización de competencias

No emprego autónomo, as túas competencias persoais e profesionais son claves para a configuración da túa oferta de servizos, polo que nesta etapa de consolidación e para permitir a actualización ou a adquisición de novas competencias requiridas para evolucionar na túa actividade, desde a Xunta de Galicia se pon periodicamente en marcha un plan de accións de formación dirixidas ao emprego autónomo, complementada coa posibilidade de incorporar a persoas traballadoras autónomas a outros cursos planificados para persoas ocupadas. Podes consultar no apartado de cursos da Oficina Virtual a relación de accións de formación dispoñibles para persoas traballadoras autónomas.

Ademais, se tes unha dilatada experiencia profesional na túa actividade, lembra que pode existir a posibilidade de acceder a un proceso de avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral. Podes informarte en maior profundidade sobre o recoñecemento da experiencia profesional na web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou a través da rede de persoal técnico.

Escaparate virtual

​Ao tempo que se consolida a túa actividade, consolídase tamén o teu catalogo de servizos. Por isto, desde a túa zona privada poderás actualizar tantas veces como sexa necesario o teu escaparate virtual, para que a túa clientela real ou potencial poda acceder sempre á visión máis actual do teu negocio.

Ofertas de colaboración

Para poder chegar máis alá no teu negocio, desde a Oficina Virtual dámosche tamén a posibilidade de que consolides a túa actividade a través de colaboracións puntuais con outras persoas traballadoras autónomas.

Estas ofertas de colaboración, que se presentan de xeito básico na zona pública, só se poden xestionar desde a zona privada da Oficina Virtual, e poderás tanto responder ás que outras persoas realicen procurando a alguén da túa actividade, como buscar ti persoas que colaboren contigo nos teus proxectos.

Dúbidas e suxestións

En calquera caso, se tes algunha dúbida sobre o funcionamento da Oficina Virtual ou algunha suxestión ao respecto de como mellorala, contacta connosco a través do noso formulario.