O portal da oficina virtual do autónomo permite xa acceder á zona privada con novos contidos de interese

Como novas funcionalidades específicas a Oficina Virtual do Autónomo permite xa crear o propio escaparate virtual das persoas autónomas e a creación de ofertas de colaboración para aunar esforzos

O portal da oficina virtual do autónomo pon xa a disposición de todas as persoas autónomas o seu acceso privado incorporando novas funcionalidades.

Por un lado, o escaparate virtual, que poderá empregar calquera persoa autónoma para anunciar o seu negocio, os seus produtos e servizos, especialidades, horarios, datos de contacto e emprazamento entre outros, para que potenciais clientes poidan visualizalo na zona pública do portal. Este escaparate virtual será xestionado de xeito específico e independente pola persoa autónoma, pudendo cambialo e actualizalo tantas veces como o desexe.

E, por outro, as ofertas de colaboración, onde as persoas autónomas poderán publicar propostas de cooperación con outras persoas autónomas, para que participen xuntas en proxectos concretos aos que non poida acceder en solitario, ou manifestar o seu interese en colaborar con outras persoas que o soliciten, para chegar máis alá na súa actividade.

En todo caso, para que resulte máis sinxelo, o equipo da oficina do autónomo ten creado un exemplo do escaparate virtual e outro de exemplo de oferta de colaboración, para que poidan servir como guía.

Estas son as primeiras funcionalidades dispoñibles baixo rexistro, que se irán ampliando con outras novas que acheguen máis valor á actividade do emprego autónomo (formación, contacto coa rede de persoal técnico da rede de axentes de emprego e orientación laboral da Xunta de Galicia, ...).

Para solicitar o rexistro, é suficiente con completar este formulario web ou acceder á Oficina Virtual do Autónomo, opción "Acceso privado" no encabezado da páxina, accedendo á lapela “Crear nova conta”. Unha vez recibida e validada a solicitude recibirase unha mensaxe coas credenciais e as instrucións de acceso.