A economía social súmase á celebración do 10º aniversario do Culturgal

No marco da feira están programadas máis de 130 actividades e ao redor de 120 expositores

Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia acollerá un stand conxunto promovido pola Subdirección Xeral de Economía Social no que quince representantes – entre cooperativas, sociedades laborais e centros especiais de emprego – terán ocasión de expoñer os servizos e produtos froito da economía social galega.

Un ano máis o Pazo da Cultura de Pontevedra servirá de marco para o evento. Entre o 1 e o 3 de decembro esta feira, referente e escaparate para todo un sector, espera superar a cifra de case quince mil visitantes do ano anterior.

Nesta décima edición, once cooperativas, dúas sociedades laborais, un centro especial de emprego e a Rede Eusumo darán visibilidade á economía social galega, un sector en continua expansión ó que están vinculadas máis de 300.000 persoas na nosa comunidade.

Grazas a un programa repleto de actividades dirixidas tanto a profesionais como ó público en xeral, o Culturgal establécese como punto de encontro indispensable para o diálogo entre representantes da economía social e das empresas, as institucións e a cidadanía

Compartir esta noticia