Campaña de mellora da calidade da información dos partes de accidentes de traballo

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a lanzar unha nova campaña para mellorar a calidade de información na tramitación telemática dos partes de accidentes de traballo, a través do sistema Delt@.

Mediante a concienciación e divulgación entre os asesores laborais do colectivo de graduados sociais representados en Galicia polos tres colexios oficiais, búscase mellorar a cobertura dos partes de accidentes, podendo facer un efecto dominó sobre a mellora da calidade da información.

Debe recordarse que a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017-2020 incide na importancia de adoptar as políticas de prevención de riscos laborais en base a unha realidade certa e que de resposta ás verdadeiras necesidades, facendo seu o lema do 28 de abril do 2017 da Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo “OPTIMIZAR LA COMPILACIÓN Y EL USO DE LOS DATOS SOBRE SST”.

A campaña, en colaboración coa Colexios Oficiais de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, de Lugo e de Pontevedra, consiste en poñer en común o coñecemento da problemática dos partes de accidente por parte dos graduados sociais e por parte do ISSGA, na busca de mellorar os puntos críticos.

O obxectivo é incrementar o máis posible a mellora da información que debe figurar nos distintos campos do parte de accidente de traballo, para conseguir que sexa real, veraz e o máis comprensible posible e para que a persoa traballadora se sinta protexida ante o suceso que lle ocorreu, ante o cal a normativa en vigor lle concede uns dereitos e que a empresa teña cubertas as súas obrigas neste eido.

Cando sucede un accidente é un momento moitas veces crítico, polo que é preciso incidir en minorar os erros máis frecuentes nesta tramitación, buscando instrumentos como é esta campaña na que dunha forma sinxela se busca dar solución ás principais incidencias detectadas.

Máis información neste enlace