A Xunta fomentará a prevención de riscos no manexo do tractor a través dunha campaña que chegará a 208 concellos galegos

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, presentaron hoxe en Santiago a iniciativa coa que se busca reducir a sinistralidade achegando as recomendacións para evitar accidentes.

A campaña levarase a cabo principalmente no rural e está dirixida non só á poboación traballadora senón tamén ao resto de cidadáns que utilizan o tractor para desenvolver actividades no ámbito familiar.

Repartiranse en toda Galicia 18.000 fichas informativas e 5000 carteis con información sobre as causas máis recorrentes dos sinistros, e coa colaboración da Garda Civil de Tráfico repartiranse 7500 trípticos en controis en vía pública.

O Goberno galego desenvolve a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo que inclúe 163 medidas para garantir en Galicia un emprego seguro.

A Xunta, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, iniciará nos próximos días unha nova campaña dirixida á prevención de riscos laborais no manexo do tractor que ten como obxectivo concienciar e reducir a sinistralidade neste sector, especialmente no eido rural, sensibilizando á poboación para que incorpore nas súas tarefas cotiás a prevención de riscos para evitar accidentes na súa contorna e na circulación en vías públicas.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, presentaron en Santiago esta iniciativa coa que, polo tanto, se busca reducir a sinistralidade neste eido achegando as recomendacións necesarias para evitar accidentes. Na presentación tamén participaron a directora do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja; a xefa provincial de Tráfico na Coruña, Victoria Gómez; e o tenente coronel xefe do sector de Tráfico de Galicia da Garda Civil, Francisco Javier Molano.

A campaña, froito da colaboración das administracións públicas, estará presente en toda Galicia con especial atención no medio rural e en 208 concellos. Deste xeito, repartiranse por toda a Comunidade 18.000 fichas informativas e 5000 carteis con información sobre as causas máis recorrentes dos sinistros e as recomendacións básicas que poden evitar accidentes ou, polo menos, minimizar as súas consecuencias.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, distribuirá este material en 138 localidades a través de diversos puntos: concellos, centros de saúde e sociais, farmacias, comercios de maquinaria agrícola, puntos de venda de material e produtos agrícolas, colexios e institutos, cafeterías e bares, clínicas veterinarias e cooperativas agrarias e gandeiras.

Así mesmo, facilitará a información á Consellería do Medio Rural para a súa distribución nas oficinas agrarias comarcais e nas unidades tramitadoras do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA). Mentres que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta colaborará no reparto a 70 concellos que teñen agrupacións de voluntarios de protección civil. O ISSGA tamén facilitará 7500 trípticos informativos á Garda Civil de Tráfico para o seu reparto en controis en vía pública en toda a Comunidade. A documentación tamén difundirase a través da páxina web do ISSGA (issga.xunta.gal) e das súas redes sociais (twitter e facebook).

A campaña xirará en torno a tres eixos principais

  • Alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, informando de cales son as causas máis recorrentes dos sinistros
  • Informar de cales son as causas máis habituais
  • E achegar as recomendacións básicas, que de terse sempre en conta, evitarían os accidentes ou, polo menos, minimizarían as súas consecuencias

Deste xeito, na documentación recóllese información técnica en catro ámbitos que se consideran os máis relevantes na prevención dos riscos neste eido: a seguridade viaria, a protección de toma de forza e do eixo cardánico, as proteccións do tractor fronte a envorcadura e medidas contra a envorcadura.

Poboación destinataria

A campaña vai dirixida non só á poboación traballadora senón tamén ao resto da cidadanía que utiliza o tractor en actividades no ámbito familiar. Neste senso, Toca explicou que a maior parte dos accidentes en tractor non son laborais: dos 18 sinistros mortais rexistrados ata outubro de 2018 ningún tivo lugar no ámbito do traballo. A gran maioría destes sinistros, en palabras da secretaria xeral, prodúcense entre persoas maiores de 65 anos, sendo as principais causas as envorcaduras, atrapamentos e accidentes de circulación.

Así mesmo, a iniciativa vai destinada á poboación máis nova co obxectivo de que incorporen o valor da anticipación ao risco como xeito de evitar os perigos e os accidentes no manexo do tractor.

Estratexia de seguridade e saúde no traballo

A actuación forma parte da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en coordinación cos axentes sociais, está desenvolvendo para garantir un emprego seguro e de calidade como elemento clave da competividade.

Con esta nova Estratexia, en palabras de Toca, estase a reforzar o rol do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) no deseño, coordinación e execución das políticas públicas, ao tempo que potencia e fortalece ás institucións dedicadas á prevención.

Compartir esta noticia