Guía sobre o rexistro de xornada laboral elaborada polo Ministerio

O Ministerio de Trabajo, MIgraciones y Seguridad Social acaba de publicar unha guía para facilitar a aplicación práctica da obriga de rexistrar a xornada laboral das persoas contratadas por conta allea.

Dende o pasado 12 de maio, as empresas e persoas traballadoras autónomas con traballadores por conta allea contratadas están obrigadas a pór a súa disposición un sistema de rexistro da xornada laboral destas.

Dado que esta medida está a xerar moitas dúbidas, o Ministerio de Trabajo, Migraciones y Seguridad Social ten elaborado unha guía co fin de facilitar a súa aplicación práctica. O devandito documento recolle criterios, a título informativo, sobre esta obriga empresarial, sen prexuízo da interpretación que poidan realizar os tribunais.

Entre os criterios que se indican na guía, destacan os seguintes:

  • Se a empresa o traballador autónomo ten persoas traballadoras cedidas por unha ETT, é a empresa usuaria a obrigada a levar o rexistro de xornada e a conservalo durante catro anos.
  • Se dentro da empresa se aplica unha distribución irregular da xornada (ou outros métodos de flexibilidade horaria), de modo que o rexistro diario de xornada conteña excesos de xornada algúns días, non se considerarán como horas extras eses excesos se no rexistro doutros días queda acreditada a compensación (de modo que se acabe cumprindo a xornada de traballo pactada).
  • Se a empresa conta cun alto directivo, non debe rexistrar a súa xornada de traballo.
  • A empresa ou persoa autónoma debe conservar os rexistros de xornada durante catro anos, e estes deben permanecer a disposición das persoas traballadoras, dos seus representantes legais e da Inspección de Traballo. Permanecer a disposición significa que os rexistros deben estar fisicamente no centro de traballo, ou ser accesibles desde o devandito centro de forma inmediata. Con iso téntase evitar a posibilidade de crear, manipular ou alterar con posterioridade os rexistros.
  • A lei tamén impón o rexistro diario de cada unha das horas extras realizadas. Pois ben, o rexistro de xornada previsto con carácter xeral pódese utilizar simultaneamente para cumprir a dita obriga de rexistro das horas extras (polo que non é necesario preparar un documento adicional).

En todo caso, no documento que se achega neste enlace se pode consultar estas e outras dúbidas máis ao respecto.

Compartir esta noticia