O XIII informe do Observatorio RSE de Galicia reflicte que a formación permanente é un dos aspectos laborais máis valorados polas empresas

A Xunta vén de publicar o décimo terceiro informe do Observatorio RSE de Galicia 2018 no que se expón o estado do desenvolvemento da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) nas empresas galegas. Trátase dun documento que se elabora cada dous anos. Nesta edición participaron un total de 500 compañías galegas. No informe inclúese por primeira vez unha análise dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e o impacto na rendibilidade.

Os datos obtidos mostran que as empresas actúan, en materia de RSE, principalmente no ámbito laboral (77,39%), seguido do social (65,71%), do medioambiental (63,28%) e do económico (36,87%).

No eido laboral, as empresas enquisadas presentan taxas altas en formación e promoción do persoal. Así, o 80,49% das firmas que participaron na elaboración do informe afirman ter un plan ou unha política de formación do persoal: nunha escala de 1 a 5, a formación permanente dos traballadores e traballadoras (4,16) e o emprego de calidade (4,06) foron os aspectos máis valorados (importancia alta).

Cun 62,67%, a flexibilidade horaria é a medida máis destacada, seguida da xornada reducida (36,27%). No apartado do documento sobre RSE e desempeño económico, apréciase que as accións a favor dos traballadores en materia de conciliación tradúcense nun incremento do rendemento da empresa. Ademais, reflíctese que as empresas con valores altos de RSE, a nivel global, presentan mellores resultados en termos de rendibilidade, liquidez e crecemento económico, sobre todo, nas grandes empresas.

Doutra banda, o 64,25% das empresas galegas que formaron parte deste estudo coñecen os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), sendo os máis sinalados, nos que poderían contribuír en maior medida, o reto 8 (fomentar o crecemento económico sostido, inclusivo e sustentable, o emprego pleno e produtivo, e o traballo decente para todos) e o 5 (lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas).

Indicadores medioambientais

O 41,69% das empresas teñen indicadores ambientais para medir o impacto da súa actividade, un dato que mellora nas grandes empresas (75,88%) e medianas (61,11%). Ademais, o 75% das firmas manifestan ter obxectivos medioambientais.

En xeral, algo máis do 80% das pequenas e das microempresas declaran coñecer a RSE superándose o 97% nas medianas e grandes empresas, polo que o informe pon de manifesto que o tamaño da compañía ten moita influencia no grao de implicación na RSE. O 38% das compañías enquisadas afirman contar cunha persoa ou departamento de RSE e un 63,38% aseguran que desenvolven políticas neste ámbito. Ademais, o 79,84% informa os seus empregados dos seus obxectivos e estratexias empresariais.

Por último, é preciso resaltar tamén que no estudo específico das medianas e grandes empresas, o 64,25% afirman que contan cunha política de fiscalidade responsable.