A Xunta de Galicia abre o prazo de solicitude para as catro liñas do programa Galicia Emprega

A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo de solicitude para as catro liñas do programa Galicia Emprega, tras a publicación onte, 7 de xaneiro, das convocatorias no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O obxectivo é favorecer a formación e a contratación de máis de 1100 mulleres, persoas paradas de longa duración, mozos e mozas e persoas discapacitadas ou en risco de exclusión, para impulsar, deste xeito, o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego.

Galicia Emprega conta cun orzamento global de 10,5 millóns de euros -un 12% máis que na convocatoria de 2019- para fomentar o emprego na Comunidade. Inclúe catro liñas de axudas:

  • Emprega Muller. Liña dotada cun maior orzamento dentro do Galicia Emprega, con 4,3 millóns de euros -un millón máis que na pasada edición- para impulsar a formación e a contratación de 405 mulleres. As axudas mínimas para os contratos indefinidos son de 12.000 euros
  • Emprega Persoas con Discapacidade ou en Risco de Exclusión Social. Con incentivos de 8.000 euros para a contratación inicial deste colectivo e de 16.000 euros para os contratos indefinidos. A previsión de beneficiarias é de 185 persoas. O orzamento deste programa ascende a máis de 2,2 millóns de euros.
  • Emprega Paradas de Longa Duración. Estas axudas para a contratación de 12 meses suman como mínimo 5.000 euros, incrementándose ata os 10.000 euros se se trata dun contrato indefinido. O obxectivo é contratar a 175 persoas.
  • Emprega Xuventude. As contías para estes contratos dun ano de duración serán de 3.000 euros e acadarán o dobre (6.000€) no caso de contratos indefinidos. Estímase un número de persoas beneficiarias de 365 menores de 30 anos.

Por unha banda, apóiase cun bono formación para as persoas traballadoras para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

Con respecto ao bono formación, nos catro programas incentívase con 2.000 euros a cualificación das persoas traballadoras que son contratadas de xeito inicial por 12 meses para que reciban unha formación mínima de 50 horas. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4.000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas.

Os incentivos á contratación constitúen un dos mecanismos da Administración autonómica para estimular a incorporación de novas persoas traballadoras aos cadros de persoal das empresas galegas. Galicia Emprega enmárcase dentro da Axenda 20, a folla de ruta que está impulsando na Comunidade o emprego estable e de calidade con medidas, como este programa, que favorecen o incremento das oportunidades laborais e a redución do desemprego. Desde o ano 2015, este tipo de medidas permitiron apoiar a contratación de máis de 7300 traballadores destes catro colectivos prioritarios cun investimento de 29,3M€.