Feijóo anuncia axudas de ata 9.000€ para que o autónomo que acabe de ter un fillo poida contratar un traballador que o substitúa e financiar o 75% da escola infantil do primeiro fillo no primeiro ano

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou axudas por valor de 9.000 euros para que as persoas traballadoras autónomas poidan financiar ata o 75% do custo da escola infantil do primeiro fillo durante o primeiro ano e poidan contratar unha persoa que substitúa ao nai ou pai autónomo que acaba de ter un fillo. “Estamos a falar dun programa que consiste en primeiro lugar nunha axuda de 6.000 euros para que poidan contratar a unha persoa traballadora que substitúa ao pai ou nai autónomo que acabe de ter un fillo e, adicionalmente, terán unha axuda de ata 3.000 euros para financiar o 75% da escola pública durante o primeiro ano”.

Durante unha visita á escola infantil A Tomada, na Pobra do Caramiñal, Feijóo afirmou que a Xunta seguirá comprometida para garantir as máximas facilidades e o máximo apoio para as persoas que toman a decisión de ter fillos. E, referiuse a este centro, aberto pola asociación de empresarios do polígono cunha axuda da Xunta de 200.000 euros, como unha boa mostra do camiño a seguir, contando coa implicación decidida do tecido empresarial e cun apoio contundente da Administración autonómica.

Feijóo avogou así pola colaboración leal e estreita entre os axentes privados e as Administracións públicas para afrontar un reto que é de todos: dotar de todas as facilidades de conciliación ás familias galegas. E precisou que esta liña de apoios permitiu impulsar outras dúas escolas infantís -a de Río do Pozo, en Narón, e a do polígono de Mos-.

Así mesmo, recordou que a partir do vindeiro 1 de abril, 12.500 nenos de Galicia poderán ir á escola infantil de xeito totalmente gratuíto. “Non importa se se trata dun centro público, concertado ou privado”, dixo, incidindo en que as familias non terán que pagar nin un só euro pola educación infantil do seu segundo fillo en adiante, xa que será a Xunta a que asuma integramente o custe das mensualidades da escola infantil.

Deste xeito, Galicia convértese na primeira comunidade de España que toma esta decisión, “con independencia da idade do primeiro fillo e con independencia da situación desa familia”, matizou.