Microempresas, persoas traballadoras autónomas con persoal e establecementos hostaleiros poden solicitar desde mañá e ata o 28 de decembro as axudas específicas do plan de rescate da Xunta

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das dúas liñas de axuda que faltaban por activar -microempresas e persoas traballadoras autónomas con persoal a cargo; e establecementos hostaleiros- dentro do Plan de rescate da Xunta de Galicia para apoiar aos sectores máis afectados pola covid-19 e que conta cunha dotación total de 84 millóns de euros.

A partir de mañá e ata o próximo 28 de decembro poden solicitarse estas axudas. Por un lado, microempresas e persoas autónomas con persoal contratado, así como estes colectivos e pemes de sectores especialmente paralizados (lecer nocturno, atraccións de feria e determinadas actividades como transporte, axencias de viaxe, cines, comidas preparadas para eventos, parques de atraccións, etc.) poden solicitar contías que irán dos 4.000 aos 5.000 euros, segundo o caso. Para acceder as mesmas deben ter ou ter tido autorizado un ERTE pola covid-19 desde a declaración do estado de alarma e aportar perdas de polo menos o 45% por mor da pandemia. Como contraprestación, os empresarios deberán comprometerse a manter o emprego 6 meses.

En canto ao sector hostaleiro, as axudas específicas para os establecementos pechados desde a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro beneficiarán a persoas traballadoras autónomas (con ou sen persoal contratado), microempresas e pemes inactivas durante un mínimo de quince días nos dous últimos meses. Ademais dos negocios de comidas e bebidas, estes apoios ábrense aos hoteis, hostais, casas rurais e outros aloxamentos situados nos concellos afectados polos peches perimetrais.

No caso dos hostaleiros, as axudas concederanse por establecemento e serán de 1.500 euros por mes de paralización da actividade desde o mes de outubro. Se os candidatos son empresarios con 10 ou máis traballadores percibirán a cantidade de 2.000 euros por mes de peche, ou a parte proporcional en ambos os dous casos se a actividade permaneceu parada por un período menor, nunca inferior aos quince días.

As axudas convocadas hoxe véñense sumar ás xa publicadas o pasado 18 de novembro dirixidas a dotar de maior liquidez ás persoas traballadoras autónomas con ou sen persoal ao seu cargo, que aínda se atopan co prazo de solicitude vixente ata o próximo 18 de decembro. Neste caso, pídese que estean dadas de alta no réxime específico de traballadores por conta propia ou no réxime de traballadores do mar, que teñan o domicilio fiscal en Galicia e ter recoñecido o cese ordinario ou extraordinario do Real Decreto Lei 30/2020. Neste caso, os perceptores deberán manter a actividade económica dada de alta durante dous meses desde a publicación da orde.

Con Plan de rescate, a Xunta pretende contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 persoas traballadoras autónomas e de 10.000 microempresas, así como apoiar a actividade dos establecementos da hostalaría afectados polos peches recomendados polas autoridades sanitarias nos concellos que, no peor dos casos, mantense inactivos desde o pasado mes de outubro.

Todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías das axudas poderán oscilar entre os 6.700 euros ata os 9.200 euros, cifras que sitúan a Galicia á cabeza das comunidades autónomas en canto aos apoios dispensados a este sector. 

O plan de rescate deseñouse en colaboración cos colectivos profesionais e sectoriais. No caso dos hostaleiros, este acordo referendouse nun documento conxunto asinado por representantes da Xunta e a Mesa de negociación da hostalaría de Galicia -na que están representadas as asociacións provinciais- máis o  Clúster de Turismo.

A Xunta avogou por un mecanismo de tramitación sinxelo para as axudas, electrónico e por medio dunha declaración responsable dos candidatos. Ao se tratar dun sistema áxil, estímase que as primeiras contías poderán chegar aos seus destinatarios nas próximas semanas de decembro.

Máis información

Compartir esta noticia