A Xunta e a Fundación Ronsel lanzan o 2º Programa de Mentoring que axudará a 200 persoas autónomas a atenuar o efecto da COVID-19 nos seus negocios

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do director da Fundación Ronsel, Luís García Deber, presentaron o 2º programa de Mentoring desta entidade, dirixido a que unhas 200 persoas profesionais autónomas de Galicia consoliden os seus negocios e que, este ano, estará orientado de xeito especial a reducir o impacto negativo da COVID-19 nas empresas.

A iniciativa, que conta co apoio do Goberno galego por valor de 250.000 euros, cumpre este 2021 a súa segunda edición, coa expectativa de chegar a 200 persoas traballadoras autónomas: 70 na provincia da Coruña, 70 en Pontevedra, 30 en Lugo e 30 en Ourense.

O programa de Mentoring arranca co triplo obxectivo de reducir os riscos das persoas autónomas na súa actividade profesional, acompañalas na consolidación dos seus negocios e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión, ao incremento dos seus contactos e actividade económica. O actual contexto fai que o enfoque da nova edición se redirixa a paliar ademais o impacto negativo da pandemia no traballo autónomo.

A conselleira subliñou a importancia de complementar os plans de rescate da Xunta -xa se está a deseñar o 3º- cos que o Goberno galego está a apoiar aos negocios máis afectados pola pandemia. Tal e como indicou “as axudas aportan inmediatez e alivian a situación de inseguridade financeira, pero deben ser complementadas con medidas que faciliten a autosuficiencia e solidez do proxecto empresarial”.

“A ferramenta de mentoring permite adaptar as ensinanzas a cada realidade, nun proceso baseado na confianza mutua entre o mentor, e a persoa beneficiaria, onde a experiencia do primeiro pode chegar a ser un factor diferencial para maximizar o rendemento do servizo que ofrece á segunda” especificou a conselleira durante a presentación.

Nesta edición terán un acceso preferente ao programa as persoas traballadoras autónomas que teñan recibido algunha axuda dos devanditos Plans de Rescate da Xunta e, nun segundo grupo, as persoas beneficiarias de calquera outra axuda da Administración autonómica. Darase prioridade ademais a profesionais cunha  antigüidade mínima de 42 meses de actividade profesional, que contan cunha base para aproveitar con maior éxito os coñecementos que lle poidan aportar os mentores.

O prazo para a solicitude permanecerá aberto desde o xoves 25 de marzo e ata o 30 de abril. 

Máis información no seguinte enlace

Programa Mentoring

Compartir esta noticia