Silleda acolle a sede do Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Pontevedra Norte e Rías Baixas que dará cobertura a 25 concellos da contorna

Silleda acollerá a sede do Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Pontevedra Norte e Rías Baixas que hoxe inaugurou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana e que dará cobertura a 25 concellos da contorna. Prestará atención ás comarcas do Deza, Caldas e O Salnés, e ás localidades da Estrada e Barro. O polo dará todo o apoio preciso ás persoas emprendedoras, independentemente da fase de maduración no que se atope o proxecto empresarial, polo que a iniciativa acompañará desde o inicio e durante todas as etapas a aquelas persoas que desexen comezar a súa andadura empresarial.

Nos polos, en palabras da conselleira, atoparán un asesoramento personalizado e permanente para cada proxecto, en base ás particularidades do tipo de emprendemento e do territorio onde se enmarca e axuda para captar investimento e financiamento.

Así mesmo, os técnicos dos polos ofrecerán información sobre as mellores oportunidades para emprender na contorna e porá a súa disposición recursos físicos, como as instalacións da Fundación Roberto Rivas, para entrar en contacto con técnicos e profesionais experimentados de primeiro nivel, así como con outros emprendedores e emprendedoras da zona. Precisamente, esta fundación xestionará o polo de Pontevedra Norte e Rías Baixas que, segundo indicou Lorenzana, comparte a meta da Xunta de promover o desenvolvemento social e económico no rural a través da fórmula do emprendemento. “Os seus 11 anos de traxectoria avalan a súa gran experiencia”, apuntou.

O polo de Silleda é o segundo que se pon en funcionamento tras o de Verín, os dous primeiros dos cinco que a Administración galega ten previsto estrear este mesmo ano cunha inversión de 12 millóns de euros. Sumaranse así antes de que remate 2022 os de Coristanco, Monforte de Lemos e Ferrolterra. Lorenzana destacou esta iniciativa, porque vai permitir “casar a xestión da procura do emprego coa realidade social e xeográfica de Galicia”. A través da súa distribución por comarcas poderase “dinamizar o mercado de traballo procurando a interactuación entre os ámbitos rurais e urbanos”, recalcou.

Remarcou que cos polos “estamos a falar dunha realidade que está vencellada con fixar poboación e dotar de novas oportunidades á contorna da que formen parte”, subliñou.

“A Xunta está a tecer unha rede coordinada e unificada que integrará todos os instrumentos que existen actualmente para apoiar ás iniciativas emprendedoras lideradas polas galegas e galegos”, sinalou.

XEMPRE

Os polos encádranse na nova Estratexia de emprego de Galicia, Xempre, coa que se pretende conseguir un mercado laboral galego máis interconectado, formado e accesible. A través desta planificación, a conselleira explicou que a Xunta está a desenvolver a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego que engloba as mesas de traballo sectoriais para a detección de necesidades formativas, en colaboración cos principais axentes sociais e interlocutores de diversa índole; a optimización progresiva das accións formativas para o emprego que ofrece directamente a Administración autonómica ou financiadas en colaboración con entidades e empresas de formación, entre outras; e a renovación integral do Servizo de Emprego de Galicia. “Só se multiplicamos esforzos mediante a cooperación entre Administración pública e tecido asociativo, conseguiremos a mellor versión da Galicia que todos queremos”, resaltou.

Sobre a reforma do Servizo de Emprego de Galicia, Lorenzana salientou que se implantará unha nova ferramenta tecnolóxica para casar oferta con demanda laboral e coa que colaborarán empresas referentes en Galicia; ao tempo, se crearán 136 novos postos de traballo para dotar de recursos humanos ao corpo de orientadores laborais.

Para rematar, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade referiuse aos Plans Emprega específicos para os colectivos que máis dificultades atopan para acceder ou manterse no mercado de traballo como son as mulleres, a mocidade e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Estes plans contan este ano cun orzamento que se aproxima aos 130 millóns de euros.


Máis información