Próximas convocatorias de Bonos de Innovación e Ignicia Proba de Concepto

A Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia publicará a comezos de ano as liñas de axuda de Bonos de Innovación, que apoia a incorporación da innovación nas estratexias de negocio de pemes e microempresas mediante a contratación de servizos externos; e Ignicia Proba de Concepto, para potenciar a transferencia de coñecemento dos centros de I+D impulsando a creación de novas spin-offs e acordos de licenza da tecnoloxía xerada en Galicia.

Bonos de Innovación

O obxectivo destas axudas é apoiar ás empresas que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia. Os bonos de innovación van dirixidos a suplir e complementar as capacidades internas das empresas a través da contratación de servizos externos prestados polos axentes de innovación

Son axudas en forma de subvención entre o 50-70% dos custos de servizos profesionais externos:

Bonos para servizos de apoio á innovación, que permiten apoiar actividades como a protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, así como accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.

Bonos para xestión do financiamento da innovación:

  • a. Tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións na Seguridade Social de persoal investigador (liña 2A).
  • b. Tramitación de novas solicitudes de financiamento en propostas de proxectos de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais (liña 2B).

Programa Ignicia

Neste caso, o obxectivo desta axuda é apoiar a chegada ao mercado dos resultados da investigación galega. Os proxectos deberán ter como finalidade a comercialización dos resultados da investigación, ben pola vía de licenza, ou ben a través da creación dunha empresa tecnolóxica (spin-off). Oorzamento mínimo será de 100.000€ e a duración mínima de 9 meses.

Os beneficiarios recibirán un apoio económico do 100% en forma de achega patrimonial onerosa. Asemade contarán con asesoramento por parte de expertos para a definición e execución do plan de transferencia e comercialización da tecnoloxía, deseño do equipo directivo e técnico que garanta o éxito no mercado e unha auditoría legal sobre os dereitos de propiedade para a futura explotación comercial da tecnoloxía.


Máis información