Celebración da entrega da II Edición dos premios Smart Commerce de Galicia

O luns 13 de novembro a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, realizouse a entrega dos Premios Smart Commerce de Galicia 2017, como recoñecemento institucional e social a aqueles comercios que apostan por evolucionar situando ao seu cliente no centro da súa estratexia, aproveitando todos os recursos á súa disposición co fin de achegarlle a súa oferta e facer máis competitivo o seu negocio.

Con estes premios búscase recoñecer e valorar o esforzo dos comercios tradicionais a través da innovación tecnolóxica e así visualizar a excelencia e a importancia dos comercios galegos nas novas estratexias comerciais.

Estas foron as dotacións da edición 2017:

  • Premio Smart Commerce Galicia, elixido entre os gañadores do Premio Smart Commerce provincial, cunha contía de 3.000 euros, que inclúe o premio correspondente á provincia.
  • Premio Smart Commerce Provincial, cunha contía de 1.500 euros por provincia.
  • Premio E-Commerce, cunha contía de 1.000 euros.
  • Premio Social Commerce, cunha contía de 1.000 euros.

Nesta segunda edición, obtivo o premio Smart Commerce Galicia e Smart Commerce Pontevedra a tenda de moda infantil Las Merceditas de Iria, especializada en moda infantil e que conta tamén con tenda on line. A librería coruñesa Moito Conto, que incorpora elementos TIC dentro dun espazo tradicional de venda ao público e cunha importante presenza nas redes sociais, fíxose co Smart Commerce A Coruña. E en Ourense resultou galardoado o establecemento de moda Clothes&Co, que conta con tenda on line e presenza en redes sociais.

Por outra banda, o premio e-Commerce que se distingue cunha contía de 1.000 euros, recaeu en Filament2 Print, con sede en Nigrán, dedicada a comercializar materiais para a impresión 3D.

Ademais, a través do premio Social Commerce, cunha dotación de 1.000 euros, deu nesta ocasión recoñecemento a Blue Popelina, de Betanzos, unha tenda on line que ofrece prendas de vestir e accesorios multimarca, facendo das redes sociais o seu escaparate.

Compartir esta noticia