A Xunta convoca os exames para a habilitación de novos guías de turismo especializados en Galicia

A Xunta de Galicia vén de convocar, a través da súa publicación no DOG, os exames para a obtención da habilitación de guías de turismo especializados de Galicia.

Segundo recolle na dita convocatoria as probas dirixiranse tanto para as persoas que queiran acreditarse por primeira vez como para aquelas que, contando xa coa habilitación, queiran ampliala a outros idiomas.

Para poder habilitarse como novo guía de turismo especializado en Galicia será preciso superar tres exercicios eliminatorios:

  • O primeiro consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 80 preguntas tipo test sobre un temario referido á xeografía, historia e cultura galegas, a itinerarios e recursos turísticos na Comunidade así como sobre lexislación.
  • O segundo exercicio consistirá nunha tradución dun texto do castelán ao galego e unha tradución do galego ao castelán.
  • O terceiro centrarase no idioma estranxeiro cunha tradución en ambos os dous sentidos -de castelán ao idioma estranxeiro e viceversa- e unha segunda parte que incluirá unha conversa sobre algún dos temas do programa cos membros do tribunal ou coas persoas que os asistan en cada un dos idiomas solicitados.

Avaliaranse os idiomas inglés, o francés, alemán, italiano, portugués, chinés, xaponés e ruso.

Sobre o resto de idiomas solicitados polas persoas interesadas, en función do número de solicitudes presentadas e da valoración da demanda turística dese idioma, a Consellería de Cultura e Turismo resérvase o dereito a determinar se serán ou non obxecto de avaliación.

As persoas aspirantes que pretendan concorrer aos exames deberán posuír algún dos títulos indicados na convocatoria: ciclo formativo de grao superior de formación profesional, grao ou diplomatura universitaria, mestrado oficial universitario, licenciatura, gran diploma de xestión e dirección de empresas hoteleiras, diploma de xestión de empresas hoteleiras ou diploma superior en xestión hoteleira. Amais, deberán acreditar o dominio das linguas oficiais de Galicia e dalgunha lingua estranxeira, salvo que se opte por realizar a correspondente proba de idiomas.

As solicitudes e a documentación para presentarse a estas probas deberán enviarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede Electrónica da Xunta de Galicia (se pode iniciar a tramitación dende este enlace) e o prazo para recibir a documentación será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no DOG (publicado o 27 de maio de 2019) entendendo como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Con esta nova convocatoria de exames, a Consellería de Cultura e Turismo dá resposta ao seu compromiso, recollido na Estratexia de Turismo de Galicia 2020, de velar pola profesionalización no eido turístico e pola calidade na atención aos viaxeiros. As persoas que superen as probas uniranse aos máis de 700 profesionais que contan coa habilitación de guías de turismo especializados en turismo de Galicia.