Turismo de Galicia reanuda o prazo para que o sector e os concellos soliciten axudas para a certificación da Q de Calidade Turística

A Consellería de Cultura e Turismo reanudou o procedemento de presentación de solicitudes da liña de axudas para a certificación, seguimento e renovación das normas da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), que tivo que ser paralizado por mor da suspensión dos prazos administrativos que se decretou coa declaración do estado de alarma. Consciente do impacto da crise sanitaria no turismo, a Xunta de Galicia dá continuidade ao proceso desta convocatoria coa intención de contribuír á reactivación do sector turístico.

Poden presentarse tanto persoas físicas e xurídicas privadas como tamén, como novidade, os concellos. As axudas tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva. A liña ten unha contía global de 130.000 euros, o que supón un incremento do 30% con respecto a anterior convocatoria.
 
Como se recolle no Diario Oficial de Galicia (DOG), a Xunta subvencionará as actuacións dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca Calidade Turística Q do ICTE, correspondente a este ano e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2020. En concreto, serán os custes de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE. Os importes serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría do ano 2020. Tamén serán subvencionables os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2020, unha vez acadada a certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.
 
A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Coa reanudación do procedemento, o prazo está aberto desde o pasado 14 de maio ata o 2 de xuño.

Máis información

Compartir esta noticia