HackatHome: Traballo en equipo para atopar solucións innovadoras a grandes retos

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, organiza os vindeiros 27 a 30 de xuño o primeiro hackaton virtual para crear solucións innovadoras para adaptar o tecido empresarial galego á nova realidade. Co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e persoas innovadoras, búscase dar resposta traballando en equipo a cinco retos da industria, o comercio e o emprego. Se queres aportar ideas ou capacidades, únete ao equipo!

O coronavirus creou un novo contexto social que nos obriga a repensar a maneira de relacionarnos, tanto no ámbito privado como no público. Este novo contexto tamén afecta ao noso tecido empresarial, que precisa novas ideas para adaptarse e garantir a seguridade das persoas. Con este motivo, nace en Galicia o primeiro hackaton virtual, promovido pola Xunta de Galicia, que propón unir, de forma remota, a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa tecnoloxía para desenvolver ideas innovadoras e así axudar á industria, ao comercio e ao emprego a construír unha nova realidade. Este evento está dirixido a programadores, investigadores, deseñadores, estudantes, empresas e, en definitiva, a calquera persoa que crea que traballando en equipo e colaborando podemos chegar a pensar e empezar a construír solucións tanto físicas como dixitais para afrontar os cambios que nos esperan.

O tecido empresarial galego definiu cinco retos para enfrontarse á nova realidade provocada pola aparición do coronavirus:

Solucións “De baixo contacto”: Ideas para mellorar os espazos de traballo así como a xestión de produtos, materiais e ferramentas para evitar a dispersión do virus.

Repensando a venda ao público: Ideas para incrementar a seguridade dos espazos comerciais e evitar o impacto negativo no volume de negocio.

Teletraballo: Ideas para optimizar o traballo en remoto ou minimizar o contacto interpersoal nos sectores que requiran traballo presencial.

Unha industria máis local: Ideas para reducir as necesidades de desprazamento da industria tanto para a compra como para a oferta.

Un novo concepto de “equipo”: Ideas para coordinar equipos de traballo nun novo contexto de separación física.

Máis información

Compartir esta noticia