A Xunta xa perfila no seo do diálogo social e a mesa de autónomos o 3º plan de rescate

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta está a traballar xa no deseño dun 3º Plan de Rescate dirixido ao tecido empresarial galego, que se nutrirá dos fondos que o Estado achegue á Comunidade Autónoma galega.

Lorenzana reuniuse por videoconferencia desde Santiago de Compostela cos representantes do Diálogo Social - Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), CCOO e UXT - e coa Mesa do Traballo Autónomo para abordar os aspectos do novo plan. “Non queremos esperar nin un segundo, queremos ter preparadas as bases das axudas para comezar a tramitalas en canto teñamos os cartos”, manifestou a conselleira.

A día de hoxe, tal e como comentou Lorenzana, “non sabemos a contía da transferencia que se vai facer á Comunidade de Galicia”. Neste sentido, a titular de Emprego e Igualdade reclamou que se teña en conta no reparto que o 97% do tecido empresarial galego está integrado por persoas traballadoras autónomas e microempresas. “O peso que debería ter Galicia en canto a contía a transferir debería ter relación con esa realidade”, matizou.

Outra das prioridades apuntadas pola Xunta pasa pola axilidade na tramitación. “Queremos simplificar, na medida do posible e dentro da marxe que deixe a Administración Xeral do Estado, a xustificación que van ter que presentar autónomos e microempresas para poder cobrar estas axudas”, dixo.

Tal e como reflectiu a conselleira “é moito máis sinxelo de tramitar o plan autonómico que o plan tal e como o concibe o Goberno estatal”.  “É certo que en Galicia temos avanzado moito, temos unha plataforma informática fantástica e penso que temos todas as engranaxes para facelo do xeito máis rápido posible, dentro das limitacións burocráticas que poña o Estado”, matizou.

Lorenzana manifestou a súa preocupación porque, ao seu criterio, o Estado deseñou un procedemento “mais burocrático” que “vai complicar moitísimo a tramitación das axudas”. Entre outras medidas, Lorenzana puxo en cuestión que se estableza unha orde de prelación requirindo ás empresas unha serie de xustificantes de gastos sobre os que se repercutirá a axuda.

Compartir esta noticia