O PRAZO DE SOLICITUDE PECHOUSE O 23 DE MARZO  

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias as persoas traballadoras autónomas, persoas físicas ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas e as pemes de sectores afectados polo peche da actividade conforme a normativa sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quedan excluídos os establecementos de hostalaría e restauración e os establecementos de lecer e entretemento, como as salas de festas, discotecas, pubs, café-espectáculos e furanchos, por estaren encadrados no Programa I desta orde.

As persoas beneficiarias ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Ter domicilio fiscal en Galicia.

– Estar afectado polos supostos de peche do establecemento ditados pola autoridade sanitaria da Xunta de Galicia nas ordes que se establecen.

Contía da axuda económica

O importe da axuda por establecemento determínase en función da data do seu peche, do seguinte xeito:

– Os establecementos pechados desde o 27 de xaneiro de 2021 percibirán unha axuda única de 1.900 €.

– Os establecementos pechados desde o 21 de xaneiro de 2021 percibirán unha axuda única de 2.200 €.

– Os establecementos pechados, en virtude de dúas ou máis ordes das comprendidas nas alíneas a), b), c) e d) do artigo 29 percibirán unha axuda única de 2.700 €. Igualmente percibirán unha axuda única de 2.700 € as actividades de atraccións de feira a que se refire o punto 3 do artigo 29.

No caso dos establecementos que ocupen 10 persoas traballadoras ou máis de 10, incrementarase en 1.000 € nas alíneas anteriores.

As axudas concederanse para cada establecemento paralizado e, xa que logo, a persoa ou entidade beneficiaria poderá ter máis dun establecemento con dereito á axuda. Deste xeito, deberán presentar unha única solicitude por titular e, no caso de ser titular de máis dun establecemento afectado polo peche das ordes citadas no artigo 30, nesa mesma solicitude figurarán todos os establecementos afectados polo peche dos cales sexa titular.


Máis información no teléfono gratuito 900 815 600

(Horario de atención: de luns a venres de 8:00 a 18:00 horas)


Publicación DOG Infografía explicativa