Feijóo anuncia a convocatoria de axudas para os autónomos que precisen unha segunda oportunidade

  • O presidente da Xunta participou no II Encontro Autónom@s de Galicia na Cidade da Cultura
  • Afirma que, en total, a axuda poderá acadar os 5.000 euros por persoa
  • Destaca o peso que este colectivo profesional ten na nosa Comunidade e o determinante papel que este desempeña na economía galega
  • Recorda que Galicia é a Comunidade que máis apoios pon á disposición dos profesionais autónomos
  • Incide en que se destinarán 160M€ a programas de apoio aos profesionais por conta propia ao longo da lexislatura

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou durante a súa intervención no II Encontro Autónom@s de Galicia, a publicación o 30 de xullo da convocatoria de axudas para os autónomos e autónomas que precisen dunha segunda oportunidade.

En total, a axuda poderá acadar os 5.000 euros, cun apoio de ata 3.000 euros para aquelas persoas que leven máis de 6 meses seguidos en situación de desemprego antes da data de solicitude e de 2.000 euros para realizar prácticas de formación en entidades públicas ou privadas.

Feijóo destacou o elevado peso que este colectivo ten na nosa Comunidade e o determinante papel que desempeña na economía galega. Un feito polo que se fai necesaria, dixo, a implementación de medidas que dean seguridade e garantías, minoren o peso das cargas, outorguen maior protección social ou recoñezan os dereitos laborais destes profesionais.

Nese senso, tamén salientou o protagonismo que as mulleres teñen dentro dese colectivo e na creación de emprego e riqueza, “Galicia é a comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de mulleres autónomas, son o 42% fronte o 35% da media do Estado”, afirmou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo recordou que o dito anuncio non é unha medida illada, xa que a Xunta vén desenvolvendo desde hai tempo instrumentos útiles para achegar solucións que permitan flexibilizar a vida dos autónomos, convertendo Galicia na Comunidade que máis apoios pon á disposición destes profesionais.

Con axudas para conciliar e para a formación, programas como o Galicia Emprende, o Bono Autónomo que achega 3.000 euros para a consolidación de negocios, incentivos fiscais e impostos cero no rural, a existencia dunha rede de aceleradoras ou a Oficina do Autónomo. Ademais, abundou, hoxe non é necesario dispoñer dunha licencia previa e o pago por parte da Administración galega das facturas faise con máis axilidade que nunca.

Do mesmo xeito, sinalou, o Goberno galego abre a porta aos mozos e mozas que decidan emprender e tomar as rendas dun negocio que xa conta con traxectoria detrás. Promove a remuda xeracional ofrecendo asesoramento durante todo o proceso, tanto aos autónomos maiores de 63 anos que decidan traspasar o seu negocio como aos mozos que decidan facerse cargo deste. Un apoio que se traduce nunha axuda de ata 2.500 euros.

Finalmente, o presidente da Xunta concluíu a súa intervención reiterando a cifra que se destinará a programas de apoio aos profesionais por conta propia ao longo da lexislatura, un total de 160 M€.