A Xunta impulsa o emprego de 4.400 autónomos e a consolidación de 535 pequenas empresas de nova creación e de base tecnolóxica

A Xunta apoia este ano con máis de 14 millóns de euros o inicio de actividade e a consolidación do emprego de 4.400 autónomos e o impulso de 535 pequenas empresas de nova creación e/ou cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBTs). 

O primeiro dos programas, cuxo prazo de solicitude remata o próximo 30 de setembro, inclúe dúas iniciativas:

1. Incentivos para apoiar o inicio de actividade de 3.800 autónomos cun investimento de máis de 10 millóns de euros. Neste primeiro caso, apoiarase o emprego dos autónomos con 2.000 euros, unha contía que se pode duplicar ata os 4.000 euros para os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social.

2. Axudas para que as persoas traballadoras autónomas contraten a persoas traballadoras indefinidas, cun orzamento de 1,35 millóns. Neste caso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 3.000 euros a contratación da primeira persoa traballadora cando se trate dunha persoa desempregada, que aumentará ata os 5.000 euros para as persoas paradas de longa duración e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Para as contratacións da segunda e terceira persoa traballadora, a persoa autónoma recibirá unha contía de 5.000 euros se a persoa é desempregada, que se incrementará ata os 7.000 euros para as persoas paradas de longa duración e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social.

Este programa para persoas autónomas conta, deste xeito, con axudas que oscilan entre os 2.000 e os 15.750 euros tendo en conta o incremento do 25% para os colectivos prioritarios para o Goberno galego.

O segundo dos programas tamén inclúe dúas actuacións:

1. O fomento e a consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación que conta cun orzamento de 2,2 millóns de euros para apoiar a 350 traballadores e 400 empresas e cuxo prazo de solicitude remata o próximo 31 de xullo. A Xunta concede incentivos para favorecer a creación de emprego estable mediante axudas por posto de traballo creado de entre 2.000 e 9.000 euros cun máximo de 10 postos; axudas para a formación cun máximo de 3.000 euros por empresa; para o inicio de actividade apoiando os primeiros gastos como os honorarios do notario e rexistrador, compra de mercadorías, arrendamento do local, maquinaria e equipamentos informáticos ou gastos vinculados a publicidade ou posta en marcha da web cunha contía de entre 2.000 e 9.000 euros por emprego ata un máximo de 10; e apoios para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras da compañía financiando o coste da escola infantil para os fillos menores de tres anos cun máximo de 3.000 euros. Deste xeito, a axuda máxima alcanza os 186.000 euros.

2. Os incentivos para as empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT) cun investimento de 400.000 euros para impulsar o traballo de 30 persoas beneficiando a 15 empresas. Este incentivo pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías. Do que se trata é de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego. Esta iniciativa, polo tanto, está dirixida a fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico. As persoas beneficiarias destas axudas son as empresas e persoas autónomas cun proxecto empresarial cualificado previamente como IEBT. Concederanse axudas á creación directa de emprego estable, para a contratación de persoal técnico de alta cualificación e para a posta en marcha do proxecto empresarial. Os apoios poden alcanzar os 64.500 euros.

Estas contías base dos dous programas poden incrementarse nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos, persoas trans e no caso de que a compañía estea situada no rural.

Compartir esta noticia