Estratexia Autónomo 2020
A estratexia Autónomo 2020
A Xunta activou no 2017 a Estratexia Autónomo 2020 cun total de 160 millóns de euros ata o 2020 -40 millóns de euros ao ano- co obxectivo de apoiar de media máis de 10.000 persoas traballadoras cada ano, o que supón un incremento do 45 % sobre a última lexislatura. O documento contiña 20 actuacións das que a metade son novas na Comunidade e se puxeron en marcha ao longo xa do ano 2017 e o resto se foron poñendo en marcha ao longo deste tempo, atendendo ao 100% das medidas propostas.
O colectivo autónomo é unha prioridade para o Goberno galego que está involucrado na busca de fórmulas que permitan impulsar e dar o recoñecemento que merece este sector. Por iso, a estratexia naceu para consolidar a Galicia como o mellor espazo onde desenvolver iniciativas exitosas no campo do emprego autónomo. O seguimento, control e mellora desta folla de ruta realízase a través da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, na cal están presentes todos os axentes involucrados e con representatividade.
Para fortalecer o sector, a Estratexia Autónomo 2020 contén tres prioridades:
1. Incorporar novas persoas ao emprego autónomo.
2. Consolidar o xa existente para garantir a súa viabilidade.
3. Simplificar e axilizar a tramitación administrativa,
Para levar a cabo estas actuacións melloráronse os apoios no arranque e consolidación da actividade e no cambio xeracional, e os programas que promoven a calidade de vida e os servizos destas persoas traballadoras.
Novas medidas
No desenvolvemento desta estratexia puxéronse en marcha por primeira vez na nosa comunidade actuacións como o Bono Autónomo para a consolidación da actividade, o Bono Renova para a remuda xeracional ou o Bono Nova Oportunidade, para posibilitar que aquelas persoas que xa tiveron un proxecto no eido do emprego autónomo sen acadar o éxito, poidan volver intentalo aproveitando todo o aprendido.
Durante este período, e como resultado da execución desta estratexia, desenvolvéronse outras medidas como a mellora da tarifa plana para novas persoas autónomas ou a mellora das axudas á conciliación da vida persoal e profesional.
Oficina do Autónomo
Outra das medidas innovadoras que se ten implantado é esta Oficina do Emprego Autónomo que se converte na xanela única deste colectivo, un espazo unificado e integral de asesoramento e consulta de acceso telemático, onde as persoas traballadoras autónomas poden consultar toda a información sobre as axudas e procedementos administrativos que sexan do seu interese.
Tamén destacou a posta en marcha, cun orzamento de 3,5 millóns de euros, dun programa específico de formación para este sector co obxectivo de contribuír á mellora e adaptación aos novos tempos, e a posibilidade de acceder a máis cursos de formación para o emprego e que actualmente se integra dentro dos programas formativos gratuítos para persoas ocupadas.
Así mesmo, potenciouse a responsabilidade social empresarial e desenvolvéronse estudos de mercado para identificar as oportunidades de negocio, así como un programa de difusión para visibilizar o papel do emprego autónomo. Durante este período simplificáronse e implantáronse, ademais, novos procedementos na sede electrónica, ata supoñer na actualidade máis de 160 procedementos que poden consultarse desde este enlace, seleccionando como perfil da persoa solicitante o de "Autónomos/as".
Programas de apoios activados
Todas estas medidas complétanse co reforzo dos programas de axudas xa existentes, como son os apoios ao establecemento como persoa autónoma e á contratación indefinida.
En todos os programas as contías base increméntanse para as mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, unidades familiares en que todos os seus membros están no paro e no caso de que o centro de traballo estea nun concello rural.
Os autónomos e autónomas poden tamén beneficiarse dos apoios financeiros do Igape, da Rede de Aceleradoras de Espazos Coworking e de programas específicos de recoñecementos médicos gratuítos e de prevención de riscos laborais, así como dos servizos TIC.
A Estratexia do Autónomo responde a unha actuación enmarcada na Axenda 20 para o Emprego encamiñada a incrementar as oportunidades laborais dos galegos e na Axenda Galicia-Industria 4.0.