Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia (Bono de Innovación) - 2022
- 09/06/2022
- 11/07/2022
-
Etapa
IN848F - Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia (Bono de Innovación) - 2022
Data de publicación: 09/06/2022
Data inicio de solicitude: 10/06/2022
Data remate de solicitude: 11/07/2022
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes) mediante bonos para servizos de apoio á innovación, para o financiamento das actividades destinadas á protección da innovación e o coñecemento, transferencia tecnolóxica, comercialización e que permitan o desenvolvemento de novos produtos e servizos ou mellora da competitividade empresarial. e para os bonos para xestión do financiamento da innovación, para a subvención dos custos de actividades de xestión, contratadas cos axentes da innovación.
Características da axuda
Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos efectuados desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 21 de outubro de 2022.
Para a Liña 1 (bonos para servizos de apoio á innovación), as actividades que se subvencionan realizaranse mediante a contratación de servizos de apoio á innovación de entre as seguintes tipoloxías:
I. Protección do coñecemento, dos activos intanxibles da empresa, xestión da tramitación de novas patentes, modelos de utilidade e os dereitos de propiedade industrial que se solicite en España, excluíndose o mantemento ou ampliación das existentes.
II. Deseño, implantación e mellora de sistemas de xestión e organización da innovación. Certificacións da especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como pequena ou mediana empresa innovadora», EA0043 «Requisitos da xove empresa innovadora» e as incluídas na serie de Normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i» e outras certificacións específicas para o desenvolvemento da investigación e innovación industrial, baixo a consideración discrecional da Axencia Galega de Innovación.
III. Estudos de vixilancia tecnolóxica e estado da arte, para dotarse de información da ciencia e tecnoloxía que permitan identificar oportunidades e tomar decisións para actuacións de I+D+i.
IV. Estudos de viabilidade tecnolóxica e industrial encamiñados ao desenvolvemento de novos produtos ou servizos, ou análise da mellora ou creación de novos procesos produtivos. Verificacións de parámetros, escalabilidade industrial, durabilidade, fiabilidade...
V. Accións para levar a mercado ou implementar os resultados da investigación e innovación industrial, deseño de novos produtos, servizos ou procesos industriais nas etapas previas á comercialización.
VI. Reconfiguración e redeseño de novos produtos e servizos para diversificación e mellora da capacidade produtiva, e incrementar así o impacto nos mercados.
VII. Accións de testaxe, validación, verificacións ou accións destinadas ao cumprimento de especificacións requiridas para a explotación comercial, previas á comercialización.
Para a Liña 2 (bonos para a xestión do financiamento da innovación), establécense dúas tipoloxías diferentes:
a) Tipo A. Contratación de servizos de consultoría para a tramitación de incentivos fiscais á I+D+i a través da obtención da cualificación fiscal correspondente ao exercicio fiscal 2021.
b) Tipo B. Contratación de servizos de consultoría ou asesoramento para a tramitación de novas solicitudes de propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais.
A contía máxima da axuda que pode ser concedida a cada beneficiario determinarase sobre o investimento total que se subvenciona segundo a seguinte táboa:
Modalidade bonos | Investimento | Subvención | Intensidade máxima |
---|---|---|---|
Liña 1. Apio á innovación | De 30.000€ ata 50.000€ | De 21.000€ ata 35.000€ | 70% |
Liña 2. Xestión financiamento | Sen límite | Máximo de 5.000€ | 70% |
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias desta axuda as microempresas, pequenas e medianas empresas validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que solicitan a axuda.