Axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) - 2022
- 27/01/2022
- 28/02/2022
-
Etapa
PE155A - Axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) - 2022
Data de publicación: 27/01/2022
Data inicio de solicitude: 28/01/2022
Data remate de solicitude: 28/02/2022
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante, EDLP), aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante, GALP).
No marco deste réxime de axudas, os proxectos e actuacións subvencionables deberán conseguir algún dos obxectivos indicados a seguir:
a) Aumento do valor, creación de emprego, atracción da mocidade e promoción da innovación en todas as fases da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura.
b) Apoio á diversificación dentro ou fóra do sector da pesca comercial, á aprendizaxe permanente e á creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.
c) Impulso e aproveitamento do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático.
d) Fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas, incluído o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.
e) Reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais.
Defínense como investimento produtivo: as actividades que supoñen a realización dunha actividade económica, tendentes á produción de bens ou servizos e que supoñan a creación e/ou mantemento de emprego.
Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Contribuír aos obxectivos da estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobada para a zona pesqueira onde se vaian desenvolver.
b) Estar localizados no ámbito territorial elixible de cada GALP.
c) Ser viables técnica e economicamente.
d) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.
Características da axuda
As accións e proxectos previstos ao abeiro desta orde débense corresponder con accións subvencionables, segundo o disposto no Regulamento (UE) nº 508/2014 e a súa normativa de aplicación e desenvolvemento.
Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo perceptor dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:
a) Que se contraesen ao longo da duración da acción coa excepción dos custos relativos a informes finais e certificados de auditoría.
b) Que foran pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación, e respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.
c) Que se consignaran no orzamento estimado total do proxecto.
d) Que sexan imprescindibles e necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención, sen os cales esta non se podería levar a cabo.
Os investimentos para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda, nin antes da realización da acta de comprobación previa ou acta de non inicio (ANI), no caso de investimentos materiais.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarios dos proxectos de investimento produtivo as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar empadroado ou ter o seu domicilio social e fiscal nalgún concello do ámbito territorial.
b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.
c) Cando o beneficiario sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos seus estatutos.
d) No caso de municipios densamente poboados nos que a EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares).
e) Que sexan identificables e verificables, en particular que consten na contabilidade do beneficiario e se inscribiran de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.
f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.
g) Que sexan razoables e xustificados e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial, no referente á economía e relación custo/eficacia.