Subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos - Bono enerxía peme - 2023


  • 24/01/2023
  • 29/06/2023
Accede desde aquí

IN417Z - Subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos - 2023

Data de publicación: 24/01/2023

Data inicio de solicitude: 25/01/2023

Data remate de solicitude: 29/06/2023

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e persoas autónomas do sector servizos dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos.

Características da axuda

As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada da solicitude no rexistro, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:

a) Bono asesoramento enerxético:

i) Diagnósticos enerxéticos que inclúan inventario dos principais equipamentos consumidores do centro de traballo, análise de consumo, propostas de optimización do consumo enerxético e de mellora da contratación e facturación da enerxía que evalúe o custo e aforro económico derivado.

ii) Auditorías enerxéticas que, ademais do contido das diagnoses, deben completar a parte de análise de consumos con medicións (análise de combustión de caldeiras, medición consumo eléctrico dos principais equipamentos consumidores, análise termográfica das instalacións, medicións lumínicas,...) e na parte de proposta de mellora deben analizar actuacións de eficiencia enerxética, de implantación de enerxías renovables, de mellora da contratación e facturación da enerxía e implantación de sistemas de tele-xestión e automatización que permitan reducir o consumo enerxético. O custo elixible máximo dos diagnósticos e auditorías enerxéticas dependerá do consumo enerxético anual da empresa (suma de todos os consumos enerxéticos: electricidade, gasóleo, gas natural, butano,...) segundo a seguinte táboa:

Consumo centro de traballo (KWh/ano) Custo elixible máx. diagnóstico (€) Custo elixible máx. auditoría (€)
Ata 5.000 500 1.000
De 5.000 a 25.000 1.000 2.000
De 25.000 a 100.000 2.000 4.000
Máis de 100.000 3.500 7.500

b) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.

c) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.

d) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).

e) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior.

f) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida refírese exclusivamente ás instalacións fixas, destinadas á climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público.

g) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.

Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2023, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000,00 euros por solicitude, sen incluír o IVE. No caso de que a solicitude inclúa exclusivamente o Bono de asesoramento enerxético, o investimento mínimo da solicitude establécese en 200,00 euros por solicitude, sen incluír o IVE.

Considéranse custos subvencionables:

a) Os custos de investimento necesarios para a consecución dunha ou varias das diferentes tipoloxías de mellora enerxética definidas nas bases reguladoras.

b) A realización dos diagnósticos/auditorías e do proxecto, a dirección de obra, a adquisición e instalación dos equipamentos, obra civil, soportes e proteccións, tanto eléctricas como mecánicas, así como calquera outro elemento necesario para o correcto deseño e funcionamento da instalación reformada.

 A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.

Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000,00 euros por solicitude. A axuda asociada ao Bono de asesoramento enerxético non computará para os efectos deste límite, e virá limitada polos custos elixibles máximos establecidos.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos, as empresas legalmente constituídas e as persoas empresarias autónomas que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:

Sector servizos - sección CNAE 2009 División
Sección G: comercio por xunto e polo miúdo; reparación de vehículos de motor e motocicletas  45 a 47
Sección H: transporte e almacenamento 49 a 53
Sección I: hostalaría 55 a 56
Sección J: información e comunicacións 58 a 63
Sección K: actividades financeiras e de seguros 64 a 66
Sección L: actividades inmobiliarias 68
Sección M: actividades profesionais, científicas e técnicas 69 a 75
Sección N: actividades administrativas e servizos auxiliares 77 a 82
Sección P: educación 85
Sección Q: actividades sanitarias e de servizos sociais 86 a 88
Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento 90 a 93
Sección S: outros servizos 94 a 96

Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Publicación ampliación prazo xustificación

Válido desde: 
Martes, 24 Enero, 2023
Válido hasta: 
Jueves, 29 Junio, 2023