Xunta e autónomos perfilan a Axenda de Impulso ao Emprego autónomo 2023-2026, que contará cun orzamento superior aos 200 M€
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, presidiu onte unha nova xuntanza da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, onde se abordou a Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo 2023-2026, que contará cun orzamento superior aos 200 millóns de euros. No arranque do encontro, a conselleira referiuse á importancia do colectivo “para a economía e para a riqueza de Galicia”, sendo a comunidade cun maior peso das persoas traballadoras autónomas (un 19,96% fronte ao 16,07% do conxunto do Estado) e tendo en conta que representan -xunto coas pequenas empresas- o 97% do noso tecido produtivo.
Na súa intervención, Elena Rivo puxo de relevo a disposición da Xunta a “escoitar aos autónomos e as súas necesidades”, tanto para garantir a viabilidade dos proxectos existentes como para xerar outros novos. Apostou por seguir avanzando e consolidando a rede de apoio ao colectivo, que este ano supuxo por parte da Xunta de Galicia axudas directas por valor de 30 millóns de euros. Unhas axudas que aínda se poden solicitar ata o 29 de setembro.
En concreto, aínda están abertas as convocatorias para impulsar o inicio de actividade por conta propia (12 millóns), para consolidar e mellorar a competitividade de negocios que leven polo menos 42 meses de actividade empresarial (8 millóns), para contratar ata a terceira persoa traballadora (1,3 millóns), para favorecer a conciliación (1 millón) e para impulsar empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica -IEBT- (500.000 euros). Tamén se poden solicitar aínda as axudas por 7 millóns de euros dirixidas a pemes, persoas traballadoras autónomas e entidades da economía social para cubrir investimentos en equipamento informático, eficiencia enerxética, reformas de locais ou de mobiliario. No seo da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, trataranse -ademais destes apoios de 2023- os previstos para o ano que vén.
Cómpre engadir que, para acompañar ás persoas autónomas no seu camiño emprendedor, a Xunta de Galicia ten en marcha -así mesmo- a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, coa que se pretende dinamizar o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación. Esta Rede, que ten actualmente oito polos en marcha nas catro provincias, está a prestar asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin.