A Xunta publica o programa de comercio circular con 1,2 M€ para potenciar a transformación sostible do sector e impulsar as pemes e autónomos do téxtil

O Diario Oficial de Galicia publica a Orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que ten como obxectivo potenciar a transformación sostible dos sectores comercial e artesán, así como impulsar as pemes e persoas traballadoras autónomas do sector téxtil a través de novos programas específicos incluídos na convocatoria deste ano. Para dar a coñecer a iniciativa que en 2024 está dotada con 1,2 millóns de euros, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, veñen de visitar o obradoiro artesán Belategui Regueiro, na localidade coruñesa de Cambre.

Segundo destacaron, a finalidade destas achegas é avanzar cara a un novo modelo de negocio máis responsable e que incorpore a sostibilidade como unha vantaxe competitiva en todos os produtos, servizos e procesos. Deste xeito, búscase mellorar a protección ambiental e a eficiencia e optimización do uso de envases e embalaxes, fomentando o emprego de materiais con menor impacto e a eliminación de plásticos.

Concretamente, as axudas articúlanse arredor de tres piares que dan fundamento ao comercio circular: o fomento das estratexias de reciclaxe e tratamento de residuos por parte do sector comercial, o pulo e apoio aos procesos de venda que xiren arredor da Estratexia de economía circular de Galicia e a concienciación do sector comercial da importancia da sustentabilidade nos seus proxectos empresariais.

Canto ao prazo de solicitude de axuda, será dun mes ata o 13 de setembro.

A convocatoria está dirixida a comerciantes retallistas con tenda física e obradoiros artesáns, asociacións de comerciantes, así como pemes e persoas autónomas do sector téxtil, dedicadas ao deseño, produción e venda de prendas de vestir, calzado e complementos.

No caso de comerciantes e obradoiros, a orde de axudas contempla o programa Eco-Pack, orientado á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño e forma ás dimensións e formato dos produtos, priorizando o uso de materiais reciclados e reutilizables. En concreto, considéranse subvencionables, entre outras accións, caixas e sobres de cartón 100% reciclado, papel vexetal, recheos para embalaxe, así como bolsas de tea de algodón, liño ou cáñamo 100%. As bolsas tamén son subvencionables para as asociacións de comerciantes.

No que respecta ao sector téxtil, a convocatoria conta cos dous programas novidosos. Por unha banda, o programa Avanza Téxtil, orientado ao impulso dos pequenos produtores do sector con marca comercial propia. Inclúe accións como a participación en cursos de formación ou obradoiros de confección téxtil, a adquisición de maquinaria de destrución de téxtil para a súa posterior reutilización, a adquisición de maquinaria e ferramentas de corte e confección ou a organización e participación en tendas efémeras como pop ups e showrooms.

Por outra banda, o programa Re-circular recolle accións que promoven o uso de materias primas e tecidos sustentables na produción co fin de reducir os residuos xerados e favorecer a súa reutilización e reciclaxe. Entre eles están a adquisición de materias primas e/ou tecidos téxtiles sostibles (fibras 100% de orixe vexetal ou animal, fibras recicladas ou fibras semisintéticas como lyocell, viscosa sostible e cupro) e adquisición de accesorios ou fornituras de orixe 100% reciclado ou 100% de composición orgánica.

Cabe engadir que o impulso ao comercio de proximidade é un dos eixes da actuación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, apostando pola transformación dixital e sustentable dun sector clave para a creación de riqueza e emprego en Galicia. Na pasada edición desta convocatoria concedéronse 576 axudas, das cales 532 corresponderon a comerciantes, 13 a obradoiros artesáns e 31 a asociacións.


Máis información