A Xunta lanza unha nova convocatoria do Bono Talento Empresa dotada con 2 M€ para formar 1.500 profesionais en microformacións non regradas
O Diario Oficial de Galicia publica a nova orde de Bonos Talento Empresa, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dotada con dous millóns de euros que promove a posta en marcha de accións formativas non regradas e de curta duración a demanda das necesidades particulares de cada empresa. O seu obxectivo é mellorar os coñecementos e competencias do seus cadros de persoal, co foco nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de servizos persoais e a clientes e —como principal novidade deste ano— de tecnoloxías limpas e eficientes no uso de recursos.
Poden solicitar estas axudas “á carta” empresas de calquera tamaño e autónomos con persoal contratado. O importe subvencionable dependerá do tamaño da empresa, cun máximo de 25.000 euros por entidade.
A iniciativa destaca pola súa sinxeleza administrativa, esixindo só uns requisitos mínimos: que as entidades teñan centro de traballo en Galicia e tres anos de antigüidade, e que as persoas participantes sexan traballadores/as en activo da mesma. Outra das súas principais vantaxes é que se trata dunha formación non formal e, polo tanto, non suxeita aos requisitos doutras liñas de formación máis ríxidas.
Os proxectos formativos —de modalidade presencial e compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas— poderán adaptarse no relativo a contidos, programas, persoal docente ou lugar de celebración segundo as necesidades concretas de cada solicitante. Deste xeito, preténdese que as empresas dean resposta áxil e flexible a unha contorna laboral de cambios cada vez máis rápidos, especialmente no contexto da dobre transición dixital e verde.
A orde, de carácter bianual, poderá solicitarse desde o 18 de xullo ata o 15 de setembro. No que respecta á celebración das accións formativas, no caso da anualidade 2025 poderán impartirse desde o día seguinte da publicación da orde no DOG ata o 31 de outubro. As celebradas desde o 1 de novembro de 2025 —e deica o 30 de setembro— computarán no ano 2026.
Co lanzamento desta nova edición, coa que se prevé beneficiar 130 empresas e formar a arredor de 1.500 persoas, a Xunta consolida o seu impulso a novas vías de formación apostando por aprendizaxes breves e flexibles que faciliten unha adaptación rápida ás novas esixencias do mercado laboral, considerando absolutamente estratéxico flexibilizar a formación para o emprego e atender a dous propósitos fundamentais: atender ás necesidades específicas das empresas galegas e reforzar as competencias e habilidades das súas persoas traballadoras, promovendo a recualificación e a reciclaxe continua.