Axudas Bonos Talento empresa - 2025

- 11/07/2025
- 15/09/2025
-
Etapa
TR302D - Axudas Bonos Talento empresa - 2025
Data de publicación: 11/07/2025
Data inicio de solicitude: 18/07/2025
Data remate de solicitude: 15/09/2025
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.
Características da axuda
As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.
As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Estes ámbitos son:
a) As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos, acceder e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.
b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluíndo a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.
c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluíndo competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc.
d) As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promocionar, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia posvenda, xestión de reclamacións, etc.) e a atención telefónica.
e) As competencias do ámbito asistencial, incluíndo a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros.
f) As competencias nas tecnoloxías limpas e eficientes no uso dos recursos (tecnoloxías avanzadas de materiais, fabricación e reciclaxe; tecnoloxías de baterías e almacenamento de enerxía; tecnoloxías de hidróxeno; tecnoloxías de eficiencia enerxética....).
Dentro das accións formativas orientadas á adquisición de competencias nalgún/s dos 6 ámbitos de capacitación prioritarios, co fin de integrar a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, recoméndase incluír contidos como os seguintes: tratamento da dixitalización da economía con perspectiva de xénero dentro das competencias dixitais, preparación da máquina en atención á persoa usuaria, feminización dos sectores industriais máis masculinizados dentro das competencias en procesos industriais, xestión en igualdade de xénero dentro das competencias en xestión empresarial, autocoidado da/a coidador/a, prevención do burnout dentro das competencias no ámbito asistencial, etc.
A entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que, como máximo, poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100. O número de horas semanais por persoa participante non poderá ser superior a corenta horas, cun límite máximo diario de oito horas. A participación nas accións subvencionadas ao abeiro da presente orde non terá custo ningún para a persoa participante.
Estas accións formativas deberán ser executadas en modalidade presencial e poderanse impartir na súa totalidade ou parcialmente mediante aula virtual. Para estes efectos, considérase aula virtual a contorna de aprendizaxe onde a persoa titora-formadora e as alumnas e alumnos interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar unha aprendizaxe das persoas que participan na aula.
A impartición da formación mediante aula virtual deberase estruturar e organizar de forma que se garanta en todo momento que exista conectividade sincronizada entre as persoas formadoras e o alumnado participante, así como bidireccionalidade nas comunicacións.
Enténdese por proxecto formativo aquel que estea integrado por un máximo de tres accións formativas. Por cada acción formativa, as entidades beneficiarias deberán presentar un anexo II, en que constará a seguinte información:
a) Denominación da acción formativa; lugar de impartición da formación e, de ser o caso, uso do aula virtual a través do campus virtual da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. No caso de que se descoñeza o lugar de impartición no momento de presentar a solicitude de axuda, deberá comunicarse, á Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego cunha antelación mínima de 7 días naturais ao inicio da impartición.
b) O calendario, duración en horas de formación e horas de salario e número de alumnos.
c) Ámbito de competencias da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego.
d) Obxectivos, contidos e probas de coñecemento previstas: número de probas e tipoloxía. e) Perfís profesionais das persoas traballadoras que participarán nas accións formativas.
f) Persoa ou entidade responsable da impartición da formación: no caso de que se descoñeza a entidade que impartirá a formación no momento de presentar a solicitude de axuda, deberá indicarse o perfil xeral desta e, posteriormente, comunicarase a entidade seleccionada á Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para Emprego.
Poderán participar nas accións formativas obxecto de financiamento:
a) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que presten os seus servizos nas entidades beneficiarias destas axudas e estean adscritas ao centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que estean contratadas baixo a modalidade de fixas descontinuas poderán realizar a formación tanto nos períodos de ocupación como de non ocupación.
A consideración como persoas traballadoras ocupadas por conta allea virá determinada pola situación laboral en que se atopen na data de comezo da acción formativa.
A metodoloxía para calcular a contía da subvención, para os efectos da súa concesión, xustificación e liquidación, así como para a determinación e cuantificación económica dos supostos de incumprimento que, de ser o caso, se produzan, axustarase ao método de custos simplificados establecido segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 e, concretamente, conforme os artigos 51.c) e 94.4 do devandito regulamento.
Cada acción formativa terá unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100 horas, e a entidade poderá solicitar un proxecto formativo composto por un máximo de tres accións formativas.
O gasto máximo subvencionable de cada acción formativa determinarase mediante a suma de:
a) 16,70 euros por hora de formación polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que realizan a acción formativa.
b) 17,93 euros por hora de formación para cubrir o salario aboado ás persoas asalariadas polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que participan na acción formativa.
Estes dous módulos de custo unitario resultan da aplicación do Regulamento delegado (UE) nº 2023/1676 da Comisión, do 7 de xullo de 2023, polo que se complementa o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, no relativo á definición de custos unitarios e importes a tanto global e tipos fixos e financiamento non vinculados aos custos para o reembolso de gastos aos Estados membros por parte da Comisión.
En todo caso, a intensidade máxima da axuda solicitada, en aplicación do establecido no artigo 31.4.b) e 31.5 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, está limitada a:
- 50 % dos custos subvencionables para as grandes empresas.
- 60 % dos custos subvencionables para as medianas empresas.
- 70 % dos custos subvencionables para as pequenas empresas e microempresas.
- 100 % para empresas do sector do transporte marítimo, sempre que se cumpran as seguintes condicións:
a) Que os beneficiarios da formación non sexan membros activos da tripulación, senón supernumerarios a bordo.
b) Que a formación se imparta a bordo de buques inscritos nos rexistros da Unión.
A contía máxima da subvención por entidade solicitante non poderá ser superior a 25.000 euros.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas, segundo as definicións do artigo 3 da presente orde, validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a que solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas.
As entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentar a solicitude de axuda.
Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación da presente convocatoria.