Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas - 2024
Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas - 2024
Aberto o prazo da nova convocatora destas axudas para o 2024 ata o 30 de setembro
Finalidade do Programa
Este programa inclúe dúas liñas de subvencións para favorecer a contratación de mulleres desempregadas na empresa ordinaria en ocupacións masculinizadas, coa finalidade de contribuír a incrementar as baixas taxas de ocupación feminina nas ditas ocupacións.
A efectos desta subvención deben entenderse como as ocupacións masculinizadas ou con infrarepresentación feminina na contratación, tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2019-2023 nos grupos ocupacionais segundo a Clasificación Nacional de Ocupacións (CNO-11) aprobada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, os grupos ocupacionais que en 2023 reflictiron unha diferenza porcentual de polo menos 20 puntos entre os valores de contratación masculina e feminina, e segundo o cal se elabora unha lista de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións.
Dous tipos de apoios
A. Liña de incentivos á contratación por conta allea de mulleres desempregadas.
Serán subvencionables as contratacións por conta allea de mulleres en ocupacións masculinizadas ou con infrarepresentación feminina na contratación.
Os incentivos desta liña serán os seguintes:
a) As contratacións indefinidas iniciais a tempo completo de mulleres desempregadas incentivaranse cunha contía base de 15.000 €. No caso de redución de xornada por calquera causa, a contía reducirase en proporción á xornada realizada.
b) As contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial (mínimo 50 %) e as contratacións indefinidas fixas-descontinuas (mínimo 6 meses) incentivaranse cunha contía base de 7.500 €.
As contías indicadas anteriormente incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:
I. No suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.
II. Se a muller contratada é unha persoa con discapacidade.
III. Se a muller contratada é maior de 45 anos.
IV. Se a muller contratada é emigrante retornada ou estranxeira.
V. Se a muller contratada é persoa trans.
A contía máxima posible que se vai subvencionar por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 26.250 €.
B. Liña de axudas para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa, de carácter opcional, coa finalidade de eliminar barreiras e/ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres en ocupacións masculinizadas.
Serán subvencionables ao abeiro deste programa os gastos derivados de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa, coa finalidade de eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres na empresa (aseos, vestiarios, espazos para menores, etc.).
O incentivo máximo desta liña de axuda será de 10.000 €.
Persoas beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destes incentivos as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten mulleres por conta allea en ocupacións masculinizadas, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen.
Tes máis información sobre a do ano 2024 neste enlace: