Programa de axudas para a contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas
Programa para a contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas
Convocatoria 2023 aberta desde o 4 de febreiro ata o 29 de setembro de 2023
A finalidade do programa é favorecer a creación de novos empregos estables e contribuír ao crecemento de pequenas unidades produtivas con potencialidade para a creación de emprego, a través da concesión dunha contía fixa que contribúa a que as persoas autónomas fagan fronte á contratación de persoas traballadoras.
Este programa inclúe dous tipos de axudas, compatibles entre si:
Bono de contratación
Este bono consiste nunha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
Subvencionanse a primeira, a segunda e a terceira contratación indefinida inicial que realice a persoa autónoma ou a persoa profesional.
Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non haxa outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, outra persoa traballadora, agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas, agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
As contías máximas posibles, de se aplicaren todos os incrementos, serían:
– Para a primeira persoa traballadora indefinida: 22.500 euros.
– Para a segunda e a terceira persoa traballadora indefinida: 27.000 euros.
Bono de formación (opcional)
E con este bono proporcionarase unha subvención ás persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, para que leven a cabo accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio desta mesma axuda, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e as habilidades relacionadas co posto de traballo.
A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora contratada mediante este programa.
A acción formativa deberá ter lugar dentro dos tres primeiros meses desde a data da solicitude e deberá estar finalizada o 29 de outubro de 2023.
Esta formación incentivarase cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora cuxo contrato se subvenciona por medio do bono de contratación e que cumpra os requisitos establecidos.