A estratexia Impulso Autónomo Horizonte 27

A vixencia da Estratexia Autónomo 2020 chegou ao seu fin coincidindo coa aparición da pandemia e cun período de grande incerteza, achegando un escenario económico e laboral moi inestable, con cambios normativos e novas restricións case de xeito diario.

Unha vez superado o peor da crise sanitaria e da situación macroeconómica acontecida, a finais de 2022 e principios de 2023, de xeito paralelo coa elaboración do novo Plan Estratéxico de Galicia, definíronse as liñas mestras a desenvolver para impulsar o emprego autónomo en Galicia no horizonte do ano 2027.

Estas liñas debían definirse como vía para potenciar e recuperar a senda emprendida para consolidar a Galicia como o mellor contorno para promover iniciativas de emprego autónomo de calidade, competitivas, seguras e duradeiras.

Sendo así, a Estratexia Impulso Autónomo Horizonte 27 focaliza as canles e propostas para aumentar as competencias emprendedoras, impulsar a creación de empresas e iniciativas de traballo por conta propia sustentables e fomentar un mercado de traballo inclusivo.

É esencial entender que o emprego autónomo está a destacar como a fórmula ideal para que as persoas con estas inquedanzas decidan desenvolver o seu proxecto profesional dun xeito equilibrado e integrado co seu proxecto vital, creando un emprego a medida que atende tanto ás metas económicas e ás persoais e emocionais da actividade na procura dunha maior calidade de vida.

Alicerces

Para concretar este enfoque, a Estratexia Impulso Autónomo Horizonte 27 xurdiu como resultado dun proceso participativo coa involucración das entidades máis representativas do colectivo, presentes na Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, no seo da cal se analizaron os seus contidos, se realizaron achegas e se consolidaron os eixos e as actuacións previstas, dando lugar a un documento cohesionado e consensuado, desenvolvido sobre os seguintes alicerces:

  • Mellorar a percepción pública do traballo autónomo na sociedade.
  • Impulsar a calidade dos novos proxectos de emprego autónomo dende o seu nacemento, con apoio en todas as fases do negocio.
  • Recoñecer a potencialidade do emprego autónomo para a organización do traballo propio, a conciliación e a mellora da calidade de vida.
  • Potenciar a remuda dos negocios consolidados e aínda viables cando a persoa autónoma se xubile.
  • Implicar ao colectivo no seguimento e mellora da estratexia.

Traballando na concreción destas premisas, o proceso participativo desembocou na definición de 3 retos clave para este período:

  • Potenciar a calidade dos novos proxectos de autoemprego en Galicia
  • Fortalecer o ecosistema competitivo do emprego autónomo en Galicia
  • Avanzar no marco de cogobernanza para dinamizar o emprego autónomo en Galicia

Estes 3 eixes son os que vertebran as accións da estratexia.

Novas medidas

En total, a Estratexia Impulso Autónomo Horizonte 27 consta de 22 medidas estruturadas entorno a estes 3 retos, con novas e innovadoras medidas como as referidas a pór en marcha o pack de inicio do autoemprego combinando formación, asesoramento e subvencións ao investimento para a posta en marcha con maiores niveis de calidade; impulsar unha canle de formación sobre os contidos clave previo ao arranque da actividade como persoa traballadora autónoma para coñecer os aspectos esenciais do día a día, para asegurar que as persoas que queren iniciar o seu proxecto dispoñen dun coñecemento previo do que van atopar na súa nova realidade; deseñar unha guía multimedia interactiva de modelo de negocio para acompañar a posta en marcha das iniciativas de emprego autónomo, que sirva para realizar unha autoreflexión en relación co modelo do negocio a poñer en marcha, analizando e tomando decisións en relación aos elementos clave do mesmo; ou potenciar e consolidar o Encontro Anual de emprego autónomo como espazo de reflexión e colaboración para incidir en necesidades e oportunidades de fortalecer e impulsar o emprego autónomo.

Tamén para fortalecer o ecosistema competitivo do emprego autónomo se contemplan novas actuacións como a de impulsar apoios ao financiamento que permitan ás persoas autónomas que se atopan en vías de consolidación das súas iniciativas, acadar a solidez e impulso necesarios para garantir non só a supervivencia dos seus negocios, senón a súa proxección e crecemento cunha maior solidez financeira nos seus mercados; impulsar a creación dun espazo virtual de demostración de sistemas tecnolóxicos e de mercado para o emprego autónomo por actividades clave, que sirva como referencia á hora de abordar procesos de adquisición ou renovación de equipos e equipamento; impulsar o Bono Autónomos Sostibles cun conxunto de actuacións integrais de benestar dirixidas a mellorar na calidade de vida das persoas traballadoras autónomas na conciliación coa vida persoal; ou potenciar a remuda xeracional mediante un programa experto de transmisión cun espazo virtual de emparellamento e un encontro anual de referencia.

E por primeira vez, durante este período vaise desenvolver un plan de difusión que mellore a percepción do autoemprego na sociedade en xeral e na mocidade en particular, para pór en valor o papel do emprego autónomo na economía de Galicia e as bondades, posibilidades e vías de desenvolvemento profesional que aporta a todas aquelas persoas que deciden promover o seu proxecto, principalmente no ámbito dos novos retos estratéxicos de Galicia para os vindeiros anos.

Oficina Virtual do Emprego Autónomo

Observando o percorrido conseguido pola Oficina Virtual do Emprego Autónomo desde a súa posta en marcha, vaise abordar un proceso de impulso que permita dotala de novos contidos e de máis interacción coas persoas traballadoras autónomas e tamén coas persoas que están a buscar un espazo no que aclarar as súas dúbidas para converterse en emprendedoras.

Desde a pandemia puido observarse que as canles telemáticas foron un espazo de referencia de primeira magnitude para atender dun xeito rápido e persoal ás persoas que estaban a demandar contidos e información constantemente actualizada, manténdose actualmente esa tendencia trala situación vivida.

Por iso, agora se entende que é o momento para incidir no reforzo e na ampliación de novas canles de conexión, aproveitando a marca e o servizo prestado desde a Oficina do emprego autónomo.

Orzamento

Para a materialización destas e doutras medidas comprendidas na estratexia, ao longo do seu período de execución dedicarase un orzamento de máis de 360 millóns de euros, centrados fundamentalmente en potenciar a calidade dos novos proxectos de autoemprego (171 millóns de euros) e fortalecer o ecosistema competitivo do emprego autónomo (187 millóns de euros).

No seguinte enlace podes acceder á Estratexia para consultala e coñecer con máis detalle as actuacións que a integran.

 

Acceso á Estratexia