Programa Nova Oportunidade - 2022
O PRAZO DE SOLICITUDE ESTARÁ ABERTO ATA O 31 DE OUTUBRO DE 2022
Persoas beneficiarias
Serán beneficiarias destas axudas tanto as persoas autónomas que queren volver emprender de novo como as persoas autónomas que queren cambiar de sector de actividade, causando e mantendo a baixa da actividade ou actividades nos sectores exercidos como autónoma ata a nova alta, para o que se terá en conta o CNAE e o IAE (modelos 036 ou 037).
Requisitos
No caso das Persoas autónomas ou que teñan sido autónomas con anterioridade, e que queren volver emprender, os requisitos para optar a esta axuda son os seguintes:
1. Darse de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022.
2. Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
3. Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo a nova alta e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral.
4.Transcorrer un período mínimo de dous meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.
5. Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.
E para o outro caso, o das Persoas autónomas que queren cambiar de sector de actividade, os requisitos son:
1. Estar en situación de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, e iniciaran unha nova actividade nun sector distinto ao anterior, no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022.
2. Ter cotizado, anteriormente a esta nova alta polo menos durante 6 meses ininterrompidos na súa vida laboral, no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
3. Ter un alta como persoa traballadora autónoma nun sector diferente o anterior, para o que se terá en conta o CNAE e o IAE (modelos 036 ou 037).
4. Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.
En ambos casos os requisitos deberán cumprise ben na data da solicitude ou ben na data do inicio da actividade, segundo o caso.
Contía da axuda económica
As axudas consistirán en dous tipos de bonos:
Bono alta nova oportunidade: concederáselles unha axuda de 9.000 € ás persoas que cumpran os requisitos establecidos. As axudas do Bono alta nova oportunidade estarán cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.
Bono formación e/ou Bono mentoring: a persoa beneficiaria do Bono alta nova oportunidade poderá recibir unha axuda de ata 1.600 € para realizar un mínimo de 40 horas de formación nas seguintes materias: formación xerencial, xestión comercial ou financeira, márketing dixital ou calquera outra que teña relación directa co negocio que se vai emprender e que así se xustifique.
A axuda máxima total será de 10.600€.
Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias se obrigan, entre outras, a:
- Para o caso das persoas beneficiarias recollidas no punto 1 do artigo 4, permanecer de alta no RETA ou na mutualidade de colexio profesional durante un tempo mínimo de 12 meses desde a súa alta como persoa traballadora autónoma, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira fidedigna.
- Para o caso das persoas beneficiarias recollidas no punto 2 do artigo 4, permanecer de alta no RETA ou na mutualidade de colexio profesional durante un tempo mínimo de 12 meses desde a súa alta na nova actividade, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira fidedigna.
- Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións.
- Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.