Axudas Xempre autónomo 2023
Axudas Xempre autónomo para a promoción do emprego autónomo
Convocatoria 2023 aberta ata o 29 de setembro de 2023
Finalidade da axuda
A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.
Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidos nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2022 ata o 30 de setembro de 2023, ambos inclusive.
Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as condicións establecidas na convocatoria.
Contía da axuda
A contía da axuda poderá ser, como mínimo, de 2.000€ e poderá chegar ata os 10.000€ atendendo ás seguintes situacións da persoa solicitante no momento de inicio da actividade:
2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables entre si:
– Persoas menores de 30 anos.
– Persoas desempregadas de longa duración.
– Persoas desempregadas con discapacidade ou en situación de dependencia.
– Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
– Persoas maiores de 55 anos.
A contía base que lle sexa de aplicación incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
– Se a persoa incorporada é unha muller.
– No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
– Persoas maiores de 45 anos (e menor de 55 anos).
– Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada ou estranxeira.
– Persoas trans.
– Profesións e oficios nos cales a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións, que se reflicte na lista que figura no anexo III da orde.
Definicións importantes
Tal e como establece o artigo 6 da orde que publica as bases e a convocatoria para o ano 2023, persoa desempregada é aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional. A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.
Así mesmo, entenderase por data de inicio da actividade laboral a de alta como persoa autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional; esta data será a que figura recollida no documento de alta do Ministerio de Traballo e Economía Social, así como nos informes de vida laboral.