Programa de axudas para a contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas (TR349F) 2025


 Convocatoria 2025 aberta entre o 24 de xaneiro e o 30 de setembro de 2025

Infografía explicativa


A finalidade do Programa é favorecer a creación de novos empregos estables e contribuír ao crecemento de pequenas unidades produtivas con potencialidade para a creación de emprego, a través da concesión dunha contía fixa que contribúa a que as persoas autónomas fagan fronte á contratación de persoas traballadoras.

Este programa inclúe dous tipos de axudas, compatibles entre se:

Bono de contratación

Este bono consiste nunha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida e  a segunda e terceira contratación indefinida inicial, sempre que con anterioridade á formalización dos devanditos contratos existan no persoal da persoa ou entidade solicitante, unha (para a segunda contratación) ou dúas (para a terceira contratación) persoas contratadas indefinidas.

As contratacións indefinidas iniciais terán os seguintes incentivos:

I. Primeira persoa traballadora indefinida desempregada: 7.500 €. A contía será de 9.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Maiores de 52 anos.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

II. Segunda e terceira persoa traballadora indefinida: 9.000 €.

A contía será de 11.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Maiores de 52 anos.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

Os incentivos sinalados no punto anterior incrementaranse nun 15% nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

a) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

b) Persoas maiores de 45 anos (non será aplicable no caso de que axuda se conceda polo colectivo de maiores de 52 anos sinalado na letra c) dos epígrafes I e II).

c) Persoas trans.

d) Se a persoa incorporada é unha muller nunha profesión ou oficio en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Observatorio do Emprego, tal e como figuran no anexo II da Orde.

Deste xeito, as contías máximas posibles, de aplicarse todos os incrementos, serán:

- Para a primeira persoa traballadora indefinida 14.400 €.

- Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida 17.600 €.

Bono de formación (opcional)

E con este bono proporcionarase unha subvención ás persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, para que leven a cabo a formación das persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio do bono de contratación previsto na Orde.

A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste Programa.

A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde a data da solicitude e deberá estar rematada o 30 de outubro de 2025.

Esta formación incentivarase cunha axuda de 2.000 € por cada persoa traballadora cuxo contrato se subvenciona por medio do bono de contratación e que cumpra os requisitos establecidos.


Acceso á ficha da axuda