5 pasos para darte de alta
A continuación poñemos a túa disposición unha guía rápida e sinxela cos cinco pasos que requires para darte de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (tamén denominado polas siglas RETA).
Lembra que, na maioría dos casos, se tes certificado dixital, poderás facer estes trámites de modo máis sinxelo e cómodo a través das sedes electrónicas de cada unha das Administracións, xa sexa a estatal (Goberno de España), autonómica (Xunta de Galicia) ou municipal.
Nota importante: Como no momento da alta no réxime especial a Seguridade Social solicítase que se indique o código do Imposto de Actividades Económicas, recoméndase seguir a orde destes dous primeiros pasos, tendo en conta sempre que ámbolos dous deben realizarse con carácter previo ao inicio da actividade.
Paso 1. Alta da túa actividade profesional na Axencia Estatal de Administración Tributaria
- Cubrir o modelo 036 (aquí podes consultar as instrucións para cubrilo) ou o modelo 037 segundo corresponda (aquí podes consultar as instrucións para cubrilo)
- Información adicional: Consulta aquí a relación completa de epígrafes do IAE (Imposto de Actividades Económicas) ou consultando o Real Decreto Lexislativo, 1175/1990, de 28 de septembro, polo que se aproban as tarifas e a instrución do IAE.
- Neste enlace tes tamén o acceso á guía práctica que ten elaborado a AEAT para explicar en detalle cada unha das casillas dos dous modelos
Por último, neste enlace dispós do acceso ao formato consolidado da Lei 20/2007, de 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, lei fundamental e de esencial cumprimento en materia de emprego autónomo.
Paso 2. Alta da túa cotización no réxime especial de traballadores autónomos na Seguridade Social
- Cubrir o modelo TA0521 de alta, baixa ou modificación de datos no RETA (aquí tes o acceso á sede electrónica da Seguridade Social
- Copia do documento de identidade ou pasaporte no caso de ser unha persoa estraxeira
- Copia da alta na Seguridade Social
- No seu caso, copia do contrato (comunidade de bens) ou das escrituras de constitución da sociedade
- Información adicional: Novo sistema de cotización para persoas autónomas a partires do 1 de xaneiro de 2023. Máis información no portal da Tesourería Xeral da Seguridade Social, neste enlace. E neste outro enlace tes o acceso ao folleto informativo da Seguridade Social respecto do novo sistema de cotización ao RETA.
- Se requires de máis información sobre o réxime especial de persoas traballadoras autónomas, dispós da Guía práctica da Tesourería da Seguridade Social coas principais preguntas sobre o dito réxime
Neste punto, a continuación tes o enlace ao Decreto 2530/1970 (lexislación consolidada) que é o que regula o réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos.
Adicionalmente, neste enlace podes acceder á información sobre como solicitar ou tramitar o teu número de afiliación á Seguridade Social.
Como último punto a ter en conta respecto a túa relación coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, e aínda que non está relacionado coa propia alta, neste enlace tes máis información sobre como proceder ao cambio da base de cotización no caso de que así o desexes.
Paso 3. Trámites coa administración local para a apertura e comunicación previa
Se vas abrir un local debes dirixirte á área de urbanismo do Concello no que vaias abrir o teu negocio para:
- Solicitar a licenza de apertura e actividade
- E ademais, se vas realizar reformas no local, solicitar a licenza de obra que corresponda
En todo caso, ten en conta que, con carácter xeral, a partires da entrada en vigor da Lei 9/2013, de 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, se teñen suprimido con carácter xeral a necesidade de obtención de licenza municipal de actividade, apertura ou funcionamento para a instalación, implantación ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial.
Paso 4. Comunicación da apertura do centro de traballo na Xunta de Galicia
- Realizar a comunicación de apertura de centro de traballo
Paso 5. Trámites coa Seguridade Social e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) se vas contratar persoas traballadoras
- Cubrir o modelo TA.6 para a inscrición como empresario/a na Dirección Provincial da Seguridade Social (accede aquí á sede electrónica da Seguridade Social
- Cubrir o modelo TA.7 para obter o código de conta de cotización
- Cubrir o modelo TA.1 só no caso de que a persoa non tivese contratos anteriores, para obter o seu número de afiliación á Seguridade Social
- Cubrir o modelo TA.2/S para a alta (así como baixa ou variación) das persoas traballadoras
- Realizar a comunicación da contratación a través da aplicación Contrat@ ou, de xeito presencial, a través dunha oficina de emprego
- Ingresar as cotas de cotización: modelos RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e RNT (relación nominal de traballadores) de xeito telemático a través do sistema Red Directo