Plan Galicia Emprega - Incentivos á contratación e á formación 2024


 Convocatoria 2024 aberta entre o 26 de xaneiro e o 30 de setembro de 2024


Infografía explicativa

Finalidade da axuda

Este Plan céntrase en fixar as bases e convocar para o 2024 as axudas que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria (e entidades sen ánimo de lucro), especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos económicos sobre o mercado de traballo, derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 e agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.

O dito Plan conta con dúas liñas de axudas:

1. A liña de incentivos á contratación por conta allea que inclúe catro modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.

d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.

A liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo. Esta axuda ten carácter opcional, e vai dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Contía da axuda

No caso da liña de incentivos á contratación por conta allea os incentivos son os seguintes:

a) As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas incentivaranse con distintas contías base, segundo o colectivo ao que pertenza a persoa contratada:

A. Persoa moza: 6.000 €.

B. Persoa parada de longa duración: 9.000 €.

C. Persoa de 52 anos ou máis: 9.000 €.

D. Persoa emigrante retornada ou persoa estranxeira: 9.000 €.

E. Muller: 10.000 €.

F. Persoa con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social: 14.000 euros. Neste suposto, se o contrato é a tempo parcial, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

As contías indicadas anteriormente incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

I. No suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

II. Se a persoa contratada é maior de 45 anos (incremento non aplicable na letra C do punto anterior).

III. Se a persoa contratada é unha muller (incremento non aplicable na letra E do punto anterior).

IV. Persoas trans.

V. Se a contratación se realiza con mulleres en profesións e oficios nos que as mulleres esteas subrepresentadas, segundo o informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no anexo II dispoñible para a súa consulta na Sede electrónica da Xunta.

A contía máxima posible que se subvencionará por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 24.500 €.

b) Incremento de xornada das contratacións indefinidas iniciais (de xornada parcial a xornada completa): incentivo de 2.000 €: se o incremento de xornada se realiza en persoas con discapacidade, o incentivo será de 3.000 €.

c) Incremento da duración anual dos contratos fixos descontinuos a un mínimo de 9 meses e a xornada completa: incentivo de 4.000 €.

d) Adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal: axuda de 1.000 €.

E no caso da  liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo incentivarase cunha axuda de 4.000 € por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido inicial, sempre que a persoa traballadora cumpra os requisitos establecidos.

Acceso á ficha da axuda