Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria - 2024


  • 19/01/2024
  • 30/09/2024

TR342C - Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria - 2024

Data de publicación: 19/01/2024

Data de inicio solicitude: 26/01/2024

Data de remate solicitude: 30/09/2024

Infografía explicativa

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria (e entidades sen ánimo de lucro), especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos económicos sobre o mercado de traballo, derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 e agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.

Características da axuda

A orde regula o Plan Galicia emprega a través de dúas liñas de axudas:

1. A liña de incentivos á contratación por conta allea cuxas particularidades se recollen no capítulo II da Orde, e que inclúe catro modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas incentivaranse con distintas contías base, segundo o colectivo ao que pertenza a persoa contratada, conforme ás definicións establecidas na orde:

A. Persoa moza: 6.000 €.

B. Persoa parada de longa duración: 9.000 €.

C. Persoa de 52 anos ou máis: 9.000 €.

D. Persoa emigrante retornada ou persoa estranxeira: 9.000 €.

E. Muller: 10.000 €.

F. Persoa con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social: 14.000 euros. Neste suposto, se o contrato é a tempo parcial, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

As contías indicadas incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

I. No suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

II. Se a persoa contratada é maior de 45 anos (incremento non aplicable na letra C do punto anterior).

III. Se a persoa contratada é unha muller (incremento non aplicable na letra E do punto anterior).

IV. Persoas trans.

V. Se a contratación se realiza con mulleres en profesións e oficios nos que as mulleres esteas subrepresentadas, segundo o informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no anexo II dispoñible para a súa consulta na Sede electrónica da Xunta.

A contía máxima posible que se subvencionará por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 24.500 €.

b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo: incentivo de 2.000 €: se o incremento de xornada se realiza en persoas con discapacidade, o incentivo será de 3.000 €.

c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses: incentivo de 4.000 €.

d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade: axuda de 1.000 €.

2. A liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo, de carácter opcional, cuxas particularidades se recollen no capítulo III da Orde, vai dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial por medio da Orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun incentivo para a formación, tanto na modalidade presencial como na modalidade de teleformación, ou en ambas modalidades, das persoas traballadoras subvencionadas por medio dos incentivos á contratación indefinida inicial previstos na Orde.

Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A persoa ou persoas traballadoras que reciben a formación e titorización deben ser as persoas contratadas indefinidas iniciais con cargo a esta axuda.

b) En canto á duración da acción formativa, será dun mínimo de 70 horas. Será unha formación teórica con contidos relacionados co posto de traballo que desenvolve a persoa traballadora que participa neste programa.

c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e deberá de estar finalizada o 30 de outubro de 2024.

Esta formación incentivarase cunha axuda de 4.000 € por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido inicial, sempre que a persoa traballadora cumpra os requisitos establecidos na Orde.

Persoas beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destes incentivos as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade, e as empresas de inserción laboral, excepto para facer contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.

Válido dende: 
venres, 19 Xaneiro, 2024
Válido ate: 
luns, 30 Setembro, 2024