Obxectivo

O Programa de Asesoramento, Mentoría e Consultoría a Persoas Emprendedoras Autónomas 2026, promovido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ten como obxectivo contribuír á sustentabilidade social empresarial e á mellora da competitividade das persoas traballadoras autónomas de Galicia, así como a reducir os riscos da actividade profesional e acompañar na consolidación dos negocios.

Deste xeito, o Programa busca apoiar de xeito personalizado a 200 persoas traballadoras autónomas para acompañalas na adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades de mercado e á situación actual, reducir os riscos na súa actividade profesional, e contribuír, mediante melloras nas distintas áreas da súa actividade, e especialmente nas áreas emerxentes, ao incremento dos seus contactos profesionais e da súa actividade económica, así como das condicións de traballo asociadas para acadar un maior benestar laboral.

Condicións para participar

Neste Programa poderán participar ata un máximo de 200 persoas traballadoras autónomas que:

  • Estean dadas de alta como persoas traballadoras autónomas no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou mutualidade.
  • Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade en Galicia.
  • Se inscriban de forma voluntaria para levar a cabo o programa.
  • Busquen optimizar o funcionamento da súa organización, mellorar os seus procesos de venda ou incorporar ao seu negocio as novas tecnoloxías para ter unha maior eficiencia operativa.

De entre as persoas que cumpran as anteriores condicións, establecerase as seguinte distribución de prazas:

  • Por antigüidade da actividade: 120 prazas para aquelas persoas traballadoras autónomas que leven polo menos 42 meses de actividade ininterrompida.
  • Por provincia: 82 prazas para a provincia da Coruña, 30 prazas para a provincia de Lugo, 22 para a provincia de Ourense e 66 prazas para a provincia de Pontevedra.

Inscrición no Programa

A inscrición para participar no Programa realizarase cubrindo o formulario que se atopa na seguinte ligazón:

Inscrición Programa

Plan de acción do programa

O plan de acción do Programa abordarase seguindo as seguintes pautas:

  • Cada persoa traballadora autónoma participante asistirá a un obradoiro de formación online para coñecer o proceso do Mentoring e os seus protocolos de actuación e participará nas actividades de networking e outras que se programen, xa sexan virtuais e/ou presenciais.
  • A cada persoa traballadora autónoma participante asignaráselle un mentor ou mentora (“matching”) en función do tipo de apoio indicado na solicitude de inscrición.
  • Cada “matching” celebrará un mínimo dunha reunión mensual, cunha duración estimada de entre 1 e 2 horas, e durante un período máximo de 6 meses.
  • Durante a relación de mentoring, poderanse solicitar de forma puntual “mentorías de apoio” para, de ser necesario, poder traballar outras áreas do negocio.
  • Ao finalizar o “matching” formalizarase o seu peche e analizaranse os obxectivos acadados.

Tes algunha dúbida ou pregunta

Se tes algunha dúbida ou pregunta, contacta coa Oficina do Emprego Autónomo a través do seguinte enlace e axudarémosche.

Contactar coa Oficina