Programa para a promoción do emprego autónomo - 2026
Programa para a promoción do emprego autónomo (TR341D) 2026

Convocatoria 2026 aberta entre o 11 de febreiro ao 30 de setembro de 2026
Finalidade da axuda

A finalidade deste Programa é promover a concesión de dúas liñas de axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo e mantemento da súa actividade laboral.
Establécense 2 liñas de axudas:
a) Liña 1: axuda para apoiar o inicio da actividade e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma.
b) Liña 2: axuda para sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia, equivalente a 12 meses ou a 24 meses da contía da cota reducida regulada no número 1 do artigo 38 ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.
Contía da axuda
Establécese unha subvención segundo o método de custos simplificados, coas seguintes contías:
a) Liña 1
2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
a) Persoas menores de 30 anos.
b) Persoas desempregadas de longa duración.
c) Persoas desempregadas con discapacidade o en situación de dependencia.
d) Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
e) Persoas desempregadas que teñan a condición de emigrante retornada.
f) Persoas desempregadas que teñan a condición de estranxeira.
g) Persoas maiores de 52 anos.
A contía base correspondente incrementarase nun 15 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable á letra g) anterior.
d) Persoas trans.
e) Profesións e oficios nos que a muller estea subrepresentada.
Estes cinco incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicarse todos os incrementos, sería de 7.000 €.
b) Liña 2
Céntrase en sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia das persoas desempregadas que se inician como traballadoras autónomas, equivalente á contía da cota reducida regulada no punto 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, multiplicada por 12, e sempre que se acollan á citada redución, multiplicándose por 24 meses, no caso de alta en CNAE dos sectores agrícola (01), gandeiro (01) ou silvícola (02).
O importe da devandita contía será o determinado polo Real decreto lei 13/2022, do 26 de xullo, polo que se establece un novo sistema de cotización para os traballadores autónomos e mellórase a protección por cesamento de actividade. É dicir, un total de 960 € por persoa solicitante e de 1.920 € no caso de alta en CNAE dos sectores agrícola (01), gandeiro (01) ou silvícola (02).