Promoción do emprego autónomo - 2026


  • 04/02/2026
  • 30/09/2026

TR341D - Promoción do emprego autónomo - 2026

Data de publicación: 04/02/2026

Data inicio de solicitude: 11/02/2026

Data remate de solicitude: 30/09/2026

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para promover a concesión de dúas liñas de axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo e mantemento da súa actividade laboral.

Ao abeiro deste programa subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e os gastos de mantemento da actividade que, cumprindo os requisitos e condicións establecidos nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026, ambas inclusive.

Características da axuda

Establécense 2 liñas de axudas:

a) Liña 1: unha axuda para o inicio da actividade económica e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma.

Axuda para apoiar as persoas desempregadas no inicio da actividade e no mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e, deste xeito, facilitarlles, ingresos durante o inicio da súa actividade laboral. Establécese unha subvención incorporando o uso de opcións de custos simplificados, para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, coas seguintes contías:

1. 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.

2. 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos no momento de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade correspondente, que non serán acumulables:

a) Persoas menores de 30 anos.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Persoas desempregadas con discapacidade ou en situación de dependencia.

d) Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.

e) Persoas desempregadas que teñan a condición de emigrante retornada.

f) Persoas desempregadas que teñan a condición de estranxeira.

g) Persoas maiores de 52 anos.

A contía base correspondente incrementarase nun 15 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

c) Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable a letra g) anterior.

d) Persoas trans.

e) Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo a definición recollida e cuxa relación figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Estes cinco incrementos son acumulables e, deste xeito, a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 7.000 €.

b) Liña 2: unha axuda para sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia, equivalente a 12 meses ou a 24 meses da contía da cota reducida regulada no número 1 do artigo 38 ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

Consta de 2 subliñas:

b.1) Axuda equivalente ao custo da cota reducida correspondente á cotización á Seguridade Social por inicio da actividade por conta propia que corresponde a todos os novos autónomos en Galicia durante os 12 primeiros meses.

A axuda será equivalente ao importe de 80 € mensuais, determinado polo Real decreto lei 13/2022, do 26 de xullo, polo que se establece un novo sistema de cotización para os traballadores autónomos e se mellora a protección por cesamento de actividade, e sempre que se acollan á citada redución, multiplicado por 12 meses. Total 960 €.

b.2) Axuda adicional equivalente ao custo da cota reducida correspondente á cotización á Seguridade Social por inicio da actividade por conta propia que corresponde a todos os novos autónomos en Galicia dos sectores agrícola, gandeiro e silvícola, durante os 12 primeiros meses e outros 12 meses máis, ata un total de 24 meses.

A axuda será equivalente ao importe de 80 € mensuais, determinado polo Real decreto lei 13/2022, do 26 de xullo, polo que se establece un novo sistema de cotización para os traballadores autónomos e se mellora a protección por cesamento de actividade, e sempre que se acollan á citada redución, multiplicado por 24 meses, no caso de alta en CNAE dos sectores agrícola (01), gandeiro (01) ou silvícola (02). Total 1.920 €.

As persoas traballadoras autónomas que se dean de alta nos CNAE dos sectores agrícola (01), gandeiro (01) ou silvícola (02) e exerzan a actividade en réxime de pluriactividade poderán ser beneficiarias da subliña 2.1, por importe de 960 €.

Persoas beneficiarias

Serán beneficiarias aquelas persoas que cumpran os requisitos xerais establecidos e que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.

As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal e cumpran cos requisitos establecidos nesta orde. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.


Publicación boletín

Ficha informativa sede

Válido dende: 
mércores, 4 Febreiro, 2026
Válido ate: 
mércores, 30 Setembro, 2026