Programa Emega para o fomento do emprendemento feminino - 2026

- 03/07/2026
- 03/08/2026
-
Etapa
SI429A - Programa Emega para o fomento do emprendemento feminino - 2026
Data de publicación: 03/07/2026
Data inicio de solicitude: 04/07/2026
Data remate de solicitude: 03/08/2026
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas do programa Emega para fomentar o emprendemento feminino en Galicia, comprendendo un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, de asesoramento e de orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e a consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.
Características da axuda
O programa Emega comprende as seguintes modalidades de axuda:
a) Emega Emerxe: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
Poderán acollerse aos incentivos da modalidade Emega Emerxe as empresas de nova creación constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e das condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria, cumpran os requisitos específicos establecidos.
A contía dos incentivos da modalidade Emega Emerxe determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:
a) Incentivo de 10.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.
b) Incentivo de 16.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
c) Incentivo de 20.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
d) Incentivo de 22.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
b) Emega Impulsa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, a consolidación e a mellora. En ningún caso as ditas medidas poderán consistir na destrución do emprego existente por conta propia e allea.
Poderán acollerse aos incentivos da modalidade Emega Impulsa as empresas constituídas por mulleres que presenten un proxecto de reactivación para o mantemento do emprego e para asegurar o necesario equilibrio empresarial ou un proxecto de mellora sempre que, ademais dos requisitos e das condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria, cumpran os requisitos específicos establecidos.
A contía dos incentivos da modalidade Emega Impulsa determínase en atención ao número de postos de traballo existentes na empresa, ocupados por mulleres, como consecuencia do mantemento ou do incremento do emprego preexistente, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:
a) Incentivo de 8.000 euros ás empresas que manteñan o posto de traballo da promotora.
b) Incentivo de 12.000 euros ás empresas con dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
c) Incentivo de 14.000 euros ás empresas con tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
d) Incentivo de 17.000 euros ás empresas con catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
c) Emega Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
Poderán acollerse aos incentivos da modalidade Emega Innova as empresas de nova creación que respondan a un proxecto empresarial de carácter innovador, no eido da investigación e da tecnoloxía, constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e das condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria, cumpran os requisitos específicos establecidos.
A contía dos incentivos da modalidade Emega Innova determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, de acordo coa seguinte escala:
a) Incentivo de 18.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.
b) Incentivo de 27.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
c) Incentivo de 32.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
d) Incentivo de 42.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
d) Emega Concilia: axuda complementaria das modalidades Emerxe, Impulsa e Innova para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.
A Emega Concilia é unha axuda complementaria das modalidades Emerxe, Impulsa e Innova, que ten por obxecto favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral ou profesional, tanto das promotoras como das persoas traballadoras incorporadas á empresa, coas seguintes modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.
Os incentivos previstos para esta axuda só poderán concederse a aquelas empresas que os soliciten expresamente e que resulten beneficiarias de subvención por calquera das modalidades Emerxe, Impulsa e Innova previstas nesta convocatoria.
A modalidade Concilia-promotoras consiste nun incentivo de 3.000 euros por empresa, sempre que forme parte dela algunha promotora con filla/s ou fillo/s que na data de finalización do prazo de xustificación da axuda sexan menores de tres anos.
A modalidade Concilia-persoas traballadoras por conta allea consiste nun incentivo, por importe máximo de 5.000 euros por empresa, sempre que se solicite expresamente e se opte por un dos seguintes supostos:
a) Formalización dun acordo ou pacto de conciliación para todo o cadro de persoal da empresa, coas persoas traballadoras ou representantes sindicais e vinculante para as partes, ou ter un plan de igualdade vixente, para a implantación de novos sistemas de organización do traballo para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade, que conteñan medidas que permitan unha maior adaptación dos tempos de traballo e a flexibilización horaria para as persoas traballadoras por conta allea e que non estean xa recollidas como obrigatorias na lexislación vixente. Neste suposto o incentivo será de 4.000 euros por empresa.
b) Empresas que asinen acordos de teletraballo, formalizados de xeito individual, co persoal vinculado á empresa con contrato laboral. O incentivo neste caso será de 1.000 euros por persoa traballadora por conta allea cun máximo de 5.000 euros por empresa.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan de reactivación e/ou mellora no período comprendido entre o 14 de agosto de 2025 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes, sempre que cumpran todas as condicións e os requisitos comúns e os específicos da correspondente modalidade ou tipo de axuda previstos.