Subvencións para o mantemento do emprego feminino “EmprendOU en feminino” - 2026

- 16/07/2026
- 30/10/2026
-
Etapa
BDNS 919028- Subvencións para o mantemento do emprego feminino “EmprendOU en feminino” - 2026
Data de publicación: 16/07/2026
Data inicio de solicitude: 23/07/2026
Data remate de solicitude: 30/10/2026
Obxecto
Esta Convocatoria ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións que outorgue a Deputación Provincial de Ourense a persoas físicas que estean a desenvolver proxectos empresariais, de autoemprego ou profesionais en municipios da provincia de Ourense.
A finalidade da convocatoria 2026 é, por unha banda, apoiar o emprendemento feminino, especialmente vinculado ao ámbito rural da provincia, como instrumento de desenvolvemento económico, cohesión territorial, redución de fendas estruturais de xénero, equidade territorial e fixación de poboación.
Por outra banda, incorpora unha finalidade específica de continuidade respecto dos proxectos que xa resultaron beneficiarios no exercicio anterior, co obxecto de favorecer a súa consolidación, evitar a interrupción de iniciativas empresariais ou profesionais xa apoiadas pola Deputación Provincial de Ourense e contribuír ao mantemento da actividade económica e do emprego autónomo no territorio provincial.
Características da axuda
A subvención á que poderán acceder as persoas solicitantes será unha axuda económica cuxa contía se estrutura en dous tramos.
O primeiro tramo terá carácter fixo e consistirá nunha axuda económica equivalente ao 75% do salario mínimo interprofesional mensual vixente para o ano 2026. Tomando como referencia o salario mínimo interprofesional mensual de 1.221,00 €, o importe deste tramo fixo ascende a 915,75 € por persoa solicitante que cumpra todos os requisitos previstos.
O segundo tramo terá carácter complementario e só procederá no caso de que, concluído o prazo de presentación de solicitudes e atendidas todas as solicitudes que resulten beneficiarias no seu tramo fixo, o crédito dispoñible non se esgotase. Neste suposto, o remanente existente repartirase en partes iguais entre todas as solicitudes que resulten beneficiarias.
As persoas beneficiarias desta convocatoria pasarán a formar parte da Rede EmprendOU en feminino, promovida pola Deputación Provincial de Ourense como instrumento de impulso ao emprendemento feminino na provincia.
A Rede EmprendOU en feminino terá por finalidade facilitar o contacto entre emprendedoras, fomentar o intercambio de experiencias e boas prácticas, promover accións formativas e divulgativas e favorecer a xeración de oportunidades de colaboración profesional e empresarial.
A Deputación Provincial de Ourense poderá organizar encontros, xornadas, accións formativas, actividades de networking ou outras actuacións vinculadas aos obxectivos da Rede, das que informará directamente ás beneficiarias a través dos datos de contacto facilitados na solicitude.
A integración na Rede non comportará obrigas económicas para as participantes nin condicionará o mantemento da subvención concedida.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións:
A) Aquelas persoas que resultasen beneficiarias da convocatoria do ano 2025, sempre que, na data da solicitude prevista nas bases, sigan de alta na actividade empresarial ou profesional que motivou a concesión da subvención no exercicio anterior.
B) Persoas físicas que teñan iniciada a súa actividade empresarial ou profesional por conta propia a partir do 1 de maio de 2025, nalgún dos municipios da provincia de Ourense, e cumpran os demais requisitos establecidos na convocatoria.