A Xunta apoia con 2 M€ o emprego dunhas 430 persoas en máis de 400 empresas pequenas de nova creación e de base tecnolóxica
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar as bases coas que a Xunta apoiará o fomento e a consolidación do emprego en pequenas empresas de nova creación e artella incentivos para as iniciativas empresariais de base tecnolóxica.
O apoio á consolidación de emprego nas pequenas empresas e o impulso ás iniciativas empresariais con base tecnolóxica constitúen os eixos da convocatoria de axudas que publica o Diario Oficial de Galicia co obxectivo fomentar e favorecer o emprego estable. Estes apoios, que suman un orzamento de 2 millóns de euros, aspiran a chegar a máis de 400 empresas (pequenas de nova creación e firmas tecnolóxicas) e colaborar co emprego de 430 persoas traballadoras.
Estas axudas constan de dúas vías de actuación. Dunha banda están os apoios destinados ás pequenas empresas de nova creación que conforman o primeiro dos programas e, doutra, os destinados a favorecer o desenvolvemento de iniciativas de emprego con base tecnolóxica que permitan aproveitar o potencial formativo de galegas e galegos, que sustentan o segundo dos programas.
A Xunta destina, ao primeiro dos programas (TR807I), 1,5 millóns de euros co obxecto de apoiar a creación de emprego estable en pequenas empresas de nova creación (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10), a formación (3.000 euros por empresa), o inicio da actividade (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10) e a conciliación (apoio máximo de 3.000 euros para cubrir os custos das escolas infantís para fillos menores de tres anos dos promotores). Sumando estas catro axudas, que son complementarias, a contía máxima poderá acadar os 186.000 euros. Este programa pretende chegar a unhas 400 empresas e arredor de 390 persoas traballadoras.
O segundo dos programas (TR340E), dotado con medio millón de euros, está dirixido a incentivar ás empresas previamente cualificadas no correspondente rexistro como iniciativas de emprego de base tecnolóxica. Neste caso, estímase que os apoios poidan acadar a unha vintena de firmas e unhas 40 persoas traballadoras. Trátase neste caso de aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con coñecementos tecnolóxicos coa finalidade de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego.
A creación directa de emprego estable nas iniciativas de base tecnolóxica recibirá inxeccións de 6.000 ata 22.500 euros por posto creado, dependendo as contías da idade, sexo ou titulación das persoas contratadas. Prevense ademais apoios para a contratación de persoal técnico de alta cualificación (máximo de 18.000 euros para todas as contratacións) e para a posta en marcha do proxecto empresarial (ata 24.000 euros segundo os postos estables creados no primeiro ano de actividade). Ao igual que no primeiro programa, todas estas axudas son complementarias entre si, polo que unha mesma empresa poderá acceder a unha cantidade máxima de 64.500 euros.
En ambos os dous programas, os impulsos incrementaranse nun 25% se a persoa incorporada pertence a colectivos con dificultade de inserción laboral como mulleres, traballadores maiores de 45 anos, emigrantes retornados... Este aumento aplicarase tamén no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural.
As empresas interesadas poderán solicitar estas axudas ata o 20 de agosto, no caso das pequenas empresas de nova creación en ata o 30 de setembro para as empresas de base tecnolóxica. A consolidación dun emprego de calidade, estable e que insira na empresa os valores da conciliación laboral e da formación continua forman parte das políticas activas de emprego da Xunta, onde os colectivos máis vulnerables teñen a debida cabida e apoio. O Goberno autonómico presta deste xeito unha especial atención, tamén, ao emprego da Galicia do mañá, o emprego de base tecnolóxica, no que quere ser unha aposta pola innovación e a creación de postos de traballo de alta cualificación.